DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun obradoiro de iniciación impartido pola docente e pandeireteira Montse Rivera

O campus busca impulsar un grupo de baile tradicional

Con dous prazos de inscrición, para a comunidade universitaria e para o conxunto da cidadanía

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/01/2023

Iniciarse, sen necesidade de coñecementos previos, nos principais ritmos do baile tradicional galego é o propósito central do obradoiro que a Vicerreitoría pon en marcha por primeira vez no campus, coa mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Monste Rivera, integrante do grupo Leilía, como docente. Aberto á participación dun máximo de 18 persoas, este mércores 1 e xoves 2 permanecerá aberto o prazo de inscrición neste curso para as e os integrantes da comunidade universitaria e, de quedar vacantes, abrirase un segundo prazo do 6 ao 14 de febreiro para o conxunto da cidadanía. O curso desenvolverá as súas clases nas tardes dos xoves na Casa das Campás entre o 16 de febreiro e o 1 de xuño e trátase, como explica o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, do primeiro paso dunha iniciativa "á que buscamos dar continuidade" e rematar dando lugar á creación “dun grupo estable” de baile no campus.

Como explica Torres, a posta en marcha deste obradoiro “intenta completar un pouco a exitosa acollida da Aula Permanente de Música Tradicional Galega”, que iniciou a súa andaina como un obradoiro de interpretación de instrumentos populares e que fixo posible o impulso dun grupo musical que nos últimos meses protagonizou diferentes actuacións. “Trátase un obradoiro que xa se intentara poñer en marcha hai anos e que por cuestións técnicas non se chegou a realizar, pero que víamos que tiña moita aceptación”, engade o director de área respecto deste “curso de iniciación, no que se comezará desde cero”. Nese senso, o propósito é que esta formación, a cargo “dunha profesora de danza que ten publicado ademais varios libros sobre o baile tradicional”, permita tanto coñecer os principais aspectos de bailes como a muiñeira e a xota, como iniciarse na súa práctica. De feito, explica Torres, a intención é que as e os participantes poidan preparar ao longo do curso “unha ou dúas pezas” coas que participar nos concertos que no mes de xuño leva a cabo nas rúas de Pontevedra a Aula Permanente de Música Tradicional. 

A matrícula neste obradoiro de 30 horas ten un prezo de 26 euros para a comunidade universitaria e de 40 para o público xeral, podendo formalizarse a través da plataforma Campus Activo.

Soltos e agarrados

Como recolle a resolución reitoral pola que se convoca este Obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego: como bailar nun serán, o obxectivo deste curso é “aprender o imprescindible para poder participar de maneira efectiva e divertida nunha foliada”, á vez que se realiza “un exercicio físico aeróbico cunha certa esixencia”. No programa desta actividade figura, en primeiro termo, un achegamento aos principais “ritmos soltos do noso baile tradicional”, a muiñeira e a xota, co obxectivo de aprender tanto os seus "pasos base" como “as regras que rexen a súa combinación para convertelos en puntos”. Ao mesmo tempo, neste obradoiro tamén terán cabida os “principais ritmos agarrados, o pasodobre e o valse”, xunto coa proxección de pezas resultado de “recollidas realizadas polo territorio galego dende mediados” da década de 1980, co obxectivo de poder tamén afondar nas orixes destes bailes. 

Deste xeito, a actividade permitirá achegarse tamén ao arquivo audiovisual conformado ao longo de máis de 30 anos de investigación etnográfica por Rivera, integrante desde 1989 do grupo de pandeireteiras Leilía, co que ten publicado cinco discos e ofrecido concertos en diferentes países. Mestra de baile, pandeireta e canto tradicional para diferentes asociacións, institucións e festivais, Rivera foi tamén durante nove anos a directora do corpo de baile e pandeiretas da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos e desde 2012 é a directora do grupo de baile Brincadeira, de Santiago de Compostela, labor que compaxina coa súa faceta como músico en Leilía e no grupo Pesdelán, que formou xunto a Mercedes Prieto.