No acto que terá lugar o vindeiro luns 24, ás 20.30 horas, na Casa das Campás
O campus celebra o Día de Rosalía pondo o foco no impacto na música do seu legado poético
Cunha conferencia do xornalista Moncho Lemos e a actuación da arpista Beatriz Martínez
A música será neste 2025 a gran protagonista do acto conmemorativo co que a Vicerreitoría do campus de Pontevedra súmase un ano máis á celebración do Día de Rosalía de Castro. Aberto a toda a cidadanía e programado para o vindeiro luns 24, ás 20.30 horas, o evento combinará a conferencia na que o xornalista Moncho Lemos porá o foco no impacto do seu legado poético na música dos séculos XX e XXI coa actuación musical de Beatriz Martínez, Diego Langarika e Marta Martínez.
“Falar da repercusión da súa poesía na música", pero tamén deterse na faceta de Rosalía de Castro “como música”, xa que a escritora “tocaba varios instrumentos” serán os eixes centrais deste evento, como sinala o Luis Torres, director de área adxunto á Vicerreitoría, que lembra que “dentro das actividades culturais do campus, estámoslle dando unha especial relevancia á música”. De feito, nesta actividade o campus sumarase por terceiro ano consecutivo á Alborada para Rosalía, unha iniciativa da Fundación Rosalía de Castro e Asociación de Gaiteiros Galegos que, coincidindo con esta efeméride, convidan aos músicos e músicas galegos a que, desde diferentes puntos do país, interpreten unha alborada na honra da escritora e a compartan nas redes sociais. Neste caso, farao a través da interpretación musical que Beatriz Martínez, Diego Langarika e Marta Martínez realizarán da Alborada da poeta, pondo peche a un acto que poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da Vicerreitoría.
Da musicalidade na poesía á poesía musicada
Rosalía de Castro, ritmo e melodías, que sempre me asombras é o título do coloquio do xornalista, presentador e crítico musical da TVG e da Radio Galega Moncho Lemos, quen fará “unha revisión de Rosalía como afeccionada á música e do impacto do seu legado poético na música dos nosos días”, apunta Torres. Nese senso, o crítico e xornalista afondará, explica, “na importancia que tiveron os poemas de Rosalía no disco fundacional de Amancio Prada” e noutras figuras musicais do período da Transición, como Luis Emilio Batallán ou Fuxan os Ventos, mais tamén en “como esa importancia chega incluso ata hoxe en día cos poetas urbanos”. Lemos buscará así mesmo que esta idea sirva como punto de partida para falar da “musicalización de poesías”, á vez que para abordar tamén, engade, a propia “musicalidade interna” dos versos de Rosalía.
As súas intervencións veranse complementadas pola música da arpista Beatriz Martínez, acompañada por Diego Langarika, á guitarra, e Marta Martínez, á voz; integrantes todos eles do grupo de música tradicional Ghaveta, formación da que interpretarán unha peza inédita nesta conmemoración. Nela tamén haberá espazo para escoitar un dos temas do primeiro disco como solista de Beatriz Martínez, Tal como as nubes, ao que dá titulo un poema de Rosalía. Finalmente, estes tres músicos pecharán ao evento coa adaptación musical da Alborada que realizaron para este acto conmemorativo e que constituíu "un reto agradable", como recoñece esta arpista formada na escola E-Trad de Vigo e que forma parte da Orquestra Folk Sondeseu.