DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Crea Lab busca servir como espazo para a produción de prototipos

Campus Crea habilita un laboratorio de apoio á investigación no ámbito creativo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/10/2024

Contribuír ao labor do persoal investigador do campus en ámbitos como os estudos sobre materiais ou a produción de prototipos é o obxectivo do Crea Lab, un laboratorio tecnolóxico de apoio á investigación no ámbito da creatividade, impulsado no marco do proxecto de especialización Campus Crea. “Trátase dun laboratorio con infraestruturas moi concretas, que se pon a disposición do persoal investigador na Casa das Campás”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Campus Crea, Ana Belén Fernández Souto, respecto dun espazo equipado inicialmente con dúas impresoras 3D e un escáner 3D.

Encadrada no traballo de consolidación e fortalecemento do Campus Crea, co obxectivo de acadar a acreditación por parte da Xunta de Galicia, este laboratorio vén a complementar o equipamento informático actualmente existente na Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría, coa que comparte este espazo e está a disposición da comunidade investigadora, mediante solicitude previa. “A idea é ir ampliando os servizos que se ofrecen ao abeiro do campus de especialización e ofrecer facilidade e solucións técnicas aos investigadores”, sinala Fernández Souto.