DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Articulado arredor os catro eixes do proxecto de especialización, terá lugar o 4 e 5 de novembro

Campus Crea impulsa un congreso internacional que actuará como “motor da investigación arredor da creatividade”

Combinará a presentación de estudos coas conferencias de académicos e profesionais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/09/2024

Exercer “como motor da investigación arredor da creatividade” e mais concretamente, sobre as súas conexións coa comunicación, o deseño, a arte e a educación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea. Ese é, como sinalaba a vicerreitora Eva María Lantarón, o obxectivo central do I Congreso Internacional de Creatividade, impulsado polo Campus Crea co apoio da Deputación de Pontevedra. “A organización deste congreso é un evento clave para a configuración do campus de especialización de Pontevedra”, sinalou Lantarón dun evento que se desenvolverá o 4 e 5 de novembro na Casa das Campás e que combinará no seu programa as conferencias de profesionais e académicos coa presentación de investigacións que conecten a creatividade coas catro áreas do proxecto de especialización.

Xunto a Lantarón, Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación, e Juan Manuel Corbarcho, codirector deste congreso xunto co tamén profesor da Facultade de Comunicación Jesús Pérez Soeane, presentaron este xoves un evento que pretende “situar Pontevedra como cidade creativa de referencia”. Trátase, como sinalou a vicerreitora de campus, dun evento que “atraerá docentes e investigadores a nivel nacional e internacional” e  que "permitirá dar unha grande visibilidade non só ao campus, senón  tamén á cidade”, no marco dos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea. Nesa mesma liña, o vicepresidente da Deputación, que financia este evento con preto de 20.000 euros ao abeiro dun convenio de colaboración, destacou o positivo destas “sinerxías” á hora de facer de Pontevedra “un  faro da cultura e da creatividade”.

Un congreso estruturado en catro áreas

“Convén recordar que en Pontevedra dáse un ecosistema único de formación, investigación e transferencia en torno á creatividade, que hai que pór en valor”, engadiu Corbacho. Con esa idea, este “fito na proxección do campus” combinará as conferencias nas que especialistas e profesionais afondarán en “como a creatividade ten influído nos seus ámbitos”, coa presentación de investigacións que teñen na creatividade o seu "fío condutor". Trátase dun programa desenvolvido polo Comité de Dirección do Campus Crea, que busca “pór en valor algo tan difícil de definir como a creatividade, pero que vertebra non só ámbitos sociais, senón tamén profesionais e académicos”, subliñou Corbacho.

O congreso artículase en catro bloques, correspondentes aos catro eixes do proxecto de especialización, e nos que se insiren tanto unha mesa de comunicacións como unha conferencia. O relatorio inaugural estará centrado en creatividade e educación correrá a cargo do profesor da Universidad de Murcia Francisco Javier Corbalán, mentres que o de creatividade e deseño terá como protagonista ao deseñador Javier Jaén, que traballou como ilustrador editorial para publicacións como The New York Times, Time, National Geographic ou The New Yorker. A primeira xornada do congreso pecharase coa proxección do documental Amagi, el retorno de la creatividad, do egresado da Facultade de Belas Artes Adán Argibay, e cun concerto no Teatro Principal da big band do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, inserido no ciclo Músicas para reCREAr.

O 5 de novembro terán lugar as mesas que conectarán a creatividade coa arte e a comunicación. Ao primeiro dos bloques súmase a conferencia do catedrático da Universidad de Granada Ricardo Marín, “especialista en educación artística”, mentres que o segundo completarase cun relatorio das publicistas Mónica Moro e Raquel Martínez, fundadoras da axencia This is libre, “que atesouran máis de mil premios en concursos de publicidade, nacionais e internacionais”. Nesta segunda xornada, o congreso acollerá tamén a proxección do documental Échale huevos, da egresada da Facultade de Comunicación Laura Pintos, que participará tamén nun coloquio sobre creatividade transformadora xunto con Iria Otero e Andrea Gonçalves, responsables das axencias Peaky Branders e Tío Phil, respectivamente. Nesta xornada celebrarase tamén a entrega de premios ás mellores comunicacións do congreso.

Continúa aberto o prazo de presentación de traballos

Ata o 16 de outubro, a organización mantén aberto o prazo de presentación de propostas de comunicacións e pósters para os catro bloques temáticos deste foro. Como recolle a convocatoria, estes poderán abordarse "desde diversas perspectivas: históricas, docentes, pedagóxicas, casos de éxito, praxe profesional, comunicación estratéxica e instrumental, ética e deontoloxía, cultura organizacional; identidade; imaxe e reputación corporativas; publicidade, cultura audiovisual, industrias culturais, etc”. Os estudos seleccionados serán presentados nas diferentes mesas dun congreso que dará pé á publicación de catro libros na editorial Fragua.