DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O taller será impartido pola actriz Helen Bertels e combinará sesións virtuais e presenciais

O Campus Crea promove un taller para explorar a creatividade persoal e un concurso para levala á rede

No certame, premiaranse imaxes publicadas en Instagram

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Premios
  • Cultura
DUVI Ourense 31/03/2023

Co obxectivo de pór en valor o fío condutor do seu proxecto de especialización, o campus conmemorará a finais de abril a Semana da Creatividade cun conxunto de actividades nas que insiren dúas propostas que, desde diferentes perspectivas, poñen o foco no que supón a idea de creatividade. No marco dunha programación que se presentará nas próximas semanas, o Campus Crea impulsa o obradoiro O cuarto azul, no que a actriz Helen Bertels levará ás persoas participantes a descubrir a súa “forza creativa innata”, explica, a través dun conxunto de actividades. Con sesións virtuais e presenciais, trátase dun curso aberto a toda a cidadanía, que cubrirá as súas 15 prazas por orde de inscrición, a cal pode realizarse desde esta xornada a través do correo dir.crea.po@uvigo.es. Así mesmo, tamén desde este venres é posible participar no concurso de fotografía en liña do Campus Crea, no que se premiará ás tres fotografías que mellor reflictan esa idea de creatividade e que sexan publicadas entre esta xornada e o 22 de abril na rede social Instagram.

“Todos somos creativos a diario”

“No obradoiro de creatividade O cuarto azul pretendemos descubrir a nosa forza creativa innata, que pon luz no noso saber e nos impulsa á acción”, sinala a actriz, artista e escritora Helen Bertels no texto de presentación do taller que impartirá no campus nas próximas semanas. A través de sesións de traballo individual que se desenvolverán de xeito virtual, e outras de traballo en grupo, que terán lugar na Facultade de Fisioterapia, este obradoiro busca amosar as e os participantes que “todos somos creativos a diario en cada momento das nosas vidas”, promovendo unha reflexión sobre como as persoas restrinxen a súa propia creatividade a través da atención, a meditación e a arte, traballando con disciplinas como o colaxe. “Haberá moitas tarefas entretidas coas que experimentar e descubrirse”, engade o texto de presentación dun obradoiro no que se proporán actividades como paseos pola natureza, a realización de fotografías ou o uso dunha liberta para anotar ideas.

Como explica esta artista e actriz, que ten participado en filmes como La Jaula ou Migas de Pan e en series como Cuéntame como pasó, este curso estrutúrase en tres partes, combinando as sesións individuais e grupais. A primeira desenvolverase de xeito virtual entre o 10 e o 14 de abril e consistirá na realización dunha serie de tarefas individuais, nun horario libre, dirixidas a coñecer as “ferramentas básicas” coas que se traballará ao longo do curso. Nun segundo bloque, tamén de actividades virtuais, traballarase xa en grupo e nela as e os participantes afondarán conxuntamente nas temáticas e inquedanzas achegadas por cada un ao inicio do taller. Esta segunda parte desenvolverase entre o 17 e o 19 de abril e dará lugar a un terceiro bloque, xa de traballo presencial, no marco da Semana da Creatividade, composto por tres sesións que terán lugar os días 24, 26 e 28 de abril, de 10.00 a 15.00 horas, na Facultade de Fisioterapia. 

Un concurso para levar á rede múltiples visións da creatividade

Reunir unha serie de imaxes que reflictan múltiples visións do que significa a creatividade, en especial aquelas que poñan o foco nos seus valores de innovación. Esta é a proposta do concurso de fotografía en liña posto en marcha polo Campus Crea, no que se premiarán ás mellores imaxes pubilcadas en Instagram co cancelo #creaUVigo2023 entre este venres e o sábado 22 de abril. “É un concurso aberto a todo o mundo, que aborda a creatividade no seu sentido máis amplo”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Campus Crea, Ana Belén Fernández Souto, doutra das actividades que se inserirá na programación da Semana da Creatividade. 

Aberto a calquera persoa física maior de 13 anos e residente en España, que posúa unha conta de Instagram cun perfil público, as e os interesados en participar neste certame deberán rexistrarse a través dun formulario web e publicar as súas imaxes co cancelo #creaUVigo2023, dentro do período establecido na convocatoria. De entre as fotografías publicadas, un xurado integrado por membros do Comité de Dirección do Campus Crea seleccionará un máximo de dez finalistas, que optarán aos tres galardóns que se outorgarán no marco deste certame. O primeiro premio consistirá nun cheque por valor de 200 euros, para gastar en material formativo e educativo nunha tenda de Pontevedra, xunto coa impresión da imaxe gañadora en formato lenzo, a un tamaño de 80 por 80 centímetros. No caso da segunda e terceira imaxe máis valoradas, outorgaranse cheques de 150 e 100 euros, respectivamente, xunto coa impresión da fotografía a un tamaño de 60 por 60 centímetros.