DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Prestan asesoramento na elaboración do plan estratéxico do proxecto de especialización

Campus Crea renova os seus comités consultivos de especialistas académicos e representantes do tecido social e empresarial

Reuníronse este venres na Facultade de Comunicación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 10/05/2024

No marco dos traballos para acadar a acreditación do Campus Crea, constituíronse dous comités consultivos que teñen como obxectivo prestar asesoramento no proceso de elaboración do plan estratéxico do proxecto de especialización e dos que forman parte tanto expertos e expertas de universidades de diferentes países, como representantes de institucións, entidades e colectivos profesionais. Combinando a asistencia presencial e virtual, estes órganos reuníronse este venres na Facultade de Comunicación, na que foi a primeira xuntanza tras a súa “reformulación en función dos novos obxectivos estratéxicos do Campus Crea, cun novo foco máis centrado nas titulacións que teñen unha relación máis directa coa creatividade”, como explica Ana Belén Fernández Souto, directora de área do Campus de Especialización Crea. 

O proceso acometido para a “reformulación do plan estratéxico”, pondo o foco nas conexións da creatividade coa comunicación, o deseño, a arte e a educación, foi unha das cuestións abordadas nas reunións destes comités consultivos académico e socio-empresarial, así como do Consello Reitor. “Temos moita ilusión pola acreditación do Campus Crea, na que se leva traballando moito tempo e que pode supor unha mobilización importante de financiamento e de actividades, que van redundar en beneficio de todo o campus”, salientou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que presidiu estas tres xuntanzas. Nelas abordouse “o traballo que se fixo durante este ano” para a reformulación do plan estratéxico, xa que “na memoria que hai que facer constar que graos, mestrados e doutoramentos forman parte intrínseca do proxecto de especialización”, apuntou o reitor. Nas reunións abordouse tamén a normativa sobre os campus de especialización aprobada recentemente pola Xunta de Galicia, así como os traballos de preparación da documentación necesaria para que o proxecto poida someterse á avaliación da administración autonómica. Nese senso, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, destacou “que estamos traballando ao cen por cen para ter todo o máis adiantado posible”, co obxectivo de contar cunha “memoria competitiva”, como subliñou o reitor, no momento no que se abra o prazo para presentar a solicitude de acreditación.

Dous órganos de asesoramento

O "novo foco” do Campus Crea, explica Fernández Souto, motivou tamén que se levase a cabo “unha reestruturación” dos comités consultivos, creados inicialmente en 2019 e ampliados o pasado ano, co obxectivo de incorporar novos integrantes “de sectores que traballan a creatividade aplicada ao deseño, a arte, a comunicación e a educación”. O obxectivo destes comités, lembrou, “é asesorarnos desde as súas respectivas perspectivas sobre as melloras que se poden facer neste proceso”.

Con incorporacións motivadas tamén polos cambios nos gobernos das administracións tras as eleccións municipais de 2023, o comité consultivo social-empresarial está conformado por Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra; José Manuel Rey, director da Rede de Museos Municipais de Vigo; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Arturo Ramírez, presidente do Foro Empresa Pontevedra; Julián Abad, presidente de Creatividade Galega; María del Carmén García, xerenta do Clúster da Comunicación de Galicia, e Iria Vázquez, presidenta da Asociación Profesional de Artistas de Galicia, A Colectiva.

Por outra banda, o comité consultivo académico reúne os docentes Vicente Blanco, da Universidade de Santiago de Compostela; María López e Jorge Clemente, da Complutense de Madrid; Rosa Franquet, da Autónoma de Barcelona; Arturo Guillemaud, da Universidad Nacional Autónoma de México; Jairo Lugo, da Univesridade de Sharjah dos Emiratos Árabes, e Teresa Ruão, da Universidae do Minho.

As súas xuntanzas sumouse a do Consello Reitor do Campus Crea, integrado por Reigosa, Lantarón e Fernández Souto, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; o director de área adxunto á Vicerreitoría do campus, Luis Torres, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta, Jesús Álvarez Bértolo.