DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos actos de graduación que arrancan este venres e continuarán ao longo do mes de xuño

O campus despedirá máis de 550 novos titulados e tituladas nas próximas semanas

Trátase de promocións que chegaron á Universidade nos meses previos á pandemia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Graduación
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 31/05/2023

Máis de 550 alumnas e alumnos das diferentes facultades e escolas do campus pontevedrés festexarán nas próximas semanas o final da súa etapa como universitarias e universitarios, que iniciaban poucos meses antes de que a pandemia da covid-19 obrigase ao confinamento e á conversión temporal da docencia en virtual. De aí que a súa capacidade de adaptación sexa unha das cuestións que se porá en valor nas diferentes graduacións que se desenvolverán no campus entre este venres e finais de xuño. 

Ciencias da Educación e do Deporte abre as despedidas

A primeira graduación no campus terá lugar na tarde deste venres, cando a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte despida aos e ás 233 integrantes das décimo primeiras promocións dos seus tres graos. Farao en tres actos consecutivos, que terán lugar no salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública e nos que actuará o Coro do Campus. En primeiro termo, recibirán as súas bandas e diplomas as 78 novas tituladas e titulados en Educación Infantil, que terán como padriño ao profesor Rubén Domínguez, e a continuación farano os 85 novos graduados e graduadas en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, con Marián Fernández Villarino e Ezequiel Rey como madriña e padriño académicos. Os últimos en subir ao escenario serán os 70 novos titulados e tituladas en Educación Primaria, que escolleron á profesora Alicia González como madriña e ao PAS Francisco Pena como padriño. As intervencións da vicerreitora Eva María Lantarón; o decano, Óscar García, e o deputado provincial Gorka Gómez sumaranse nestes tres actos as verbas de María González, Aldara Pérez, Helena Pardo e Pablo Saldaña en representación dunhas promocións que, como lembra a vicedecana Eulalia Agrelo, “caracterízanse pola súa resiliencia”, xa que viviron “todas as fases da pandemia: desde o peche total e o reinicio das aulas polo Campus Remoto ata chegar á presencialidade plena”. 

Ao día seguinte, a sede de Afundación acollerá o acto de despedida ao 89 novos graduados e graduadas en Belas Artes, un evento organizado polo propio alumnado, que se encargou tamén de serigrafíar as bandas e engadir unha caligrafía ornamental aos diplomas que se entregarán neste acto. O decano, Xosé Manuel Buxán, e a profesora María Covadonga Barreiro exercerán como padriño e madriña dunha promoción que estará representada polas intervencións coas que Alexia Domínguez, Sergio Barba e Candela Conde darán “a despedida desta etapa vital”, como explica a alumna Aisha Rey, unha das integrantes do equipo organizador. 

Tres graduacións na tarde do venres 9

Á semana seguinte, o venres 9, a Facultade Dirección e Xestión Pública despedirá os 26 novos titulados e tituladas que integran a “derradeira promoción do plano antigo” do grao, no que convivían á modalidade presencial coa semipresencial, posteriormente substituída pola virtual, como lembra o decano, Enrique Varela. Esta décimo primeira promoción de graduados e graduadas, “un alumnado que axudou a consolidar os estudos de Dirección e Xestión Pública e a impulsar a nosa facultade”, terá como madriña á presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero. 

Tamén organizado polo propio alumnado, o Pazo da Cultura acollerá o venres 9 a graduación de 80 novos titulados e tituladas en Publicidade e Relacións Públicas, un acto que contará coas intervencións da decana, Emma Torres, a madriña e padriño académicos Carmen Maiz e Juan Manuel Corbacho, e o padriño profesional Alfonso Molinelli, responsable da axencia Tony Le Brand. Ademais de para festexar “o fin dunha etapa e o comezo doutra”, como sinala Ainhoa Vila, unha das organizadoras, este evento busca servir tamén para “mostrar a promoción” diante do sector profesional. De feito, o acto contará coa presenza de representantes dunha vintena de empresas do sector e con preto de 600 convidados e convidadas. Hugo Carlés e Elena Bengoa tomarán a palabra en representación do alumnado, mentres que a música correrá a cargo da tamén integrante desta promoción Candela Avendaño, completándose o evento coa proxección dunha serie de vídeos, entre os que atopan dúas pezas “sorpresa”, como explica Vila. No referido ao Grao en Comunicación Audiovisual, a organización deste acto aínda está por concretar, como explica a decana. 

Enfermaría despide á súa décima promoción

Tamén venres 9 de xuño, o Pazo Provincial acollerá o acto de graduación da Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito á Universidade de Vigo. Os 50 integrantes da décima promoción do grao, 42 mulleres e oito homes, e un egresado do curso de adaptación ao grao recollerán as súa bandas e diplomas nun acto no que están previstas as intervencións da presidenta da Deputación en funcións, Carmela Silva, da vicerreitora do campus, do director da escola, Miguel Ángel Piñón, e da presidenta do seu padroado, Noemí Outeda. A estas sumaranse as dos docentes María José Fernández e Felipe Fernández, como madriña e padriño, e as de Sofía Abreu e Yeray Quereizaeta, en representación dunha promoción que, como lembra Piñón, “comezou os seus estudos en setembro de 2019, sufriu no seu primeiro curso os efectos da pandemia, que impuxo modificacións, limitacións e restricións na docencia presencial e a necesaria adaptación en liña e á dependencia das TIC”. O acto verase complementado coa última lección do curso, na que Adriana Seijas presentará o seu traballo de fin de grao A tecnoloxía smartglasses na formación en reanimación cardiopulmonar.

Os últimos actos, en Fisioterapia e na EE Forestal

A Facultade de Fisioterapia e da Escola de Enxeñaría Forestal Forestal pecharán as graduacións deste curso no campus. A primeira farao o 22 de xuño, nun acto que terá lugar tamén na Facultade de Comunicación e no que a profesora María Rodil exercerá como madriña das preto de 50 tituladas e tituladas da XIV promoción do grao, da que a decana, Mercedes Soto, destaca “tanto a súa ilusión como a súa capacidade de adaptación”. Nun acto que contará coa actuación da Aula Permanente de Música Tradicional do Campus despedirase tamén aos 12 integrantes da primeira promoción do Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, posto en marcha neste curso 2022/2023. A EE Forestal, pola súa banda, despedirá aos preto 15 integrantes da súa décima promoción de graduados e graduadas o venres 30 de xuño.