DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de darlle un segundo uso a estes recursos

O campus doa 26 equipos informáticos ao CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Os dispositivos foron actualizados para os seus novos usuarios e usuarias

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 07/05/2021

Recentemente, a Vicerreitoría do Campus de Ourense remodelou a sala con ordenadores de libre acceso para o alumnado e transformouna nunha aula de prácticas. Nesta reforma, os equipos informáticos existentes foron substituídos por outros acordes á nova función do espazo. Os 26 equipos retirados foron doados, unha vez actualizados para os seus novos usuarios e usuarias, ao CIFP A  Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense.

Na iniciativa, ademais da Vicerreitoría do Campus de Ourense participaron e colaboraron, con material e horas de traballo de persoal seu, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) e o Servicio de Atención a Usuarios/as e Microinformática da UVigo. “É de agradecer a participación de todos eles nesta iniciativa”, comenta Javier Rodeiro, director de área de Infraestrutura do Campus de Ourense e do CITI. Os equipos doados contan con monitor, teclado e rato e foron reacondicionados con discos sólidos, optimizóuselles o seu sistema operativo e realizáronselles as actualizacións necesarias para poder ser usados en tarefas ofimáticas e de consulta por Internet. Estes recursos serán empregados principalmente polo alumnado do eido sanitario do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense.

Sobre a idea de levar a cabo esta iniciativa, os seus promotores destacan como “a Universidade como institución ten moi marcado o esforzo e a adecuación de accións dentro dos obxectivos de desenvolvemento sostible e da Axenda 2030”. Neste senso, engaden, a reutilización de equipamento que se dá de baixa para o seu uso na Universidade supón unha oportunidade para apoiar “obxectivos como garantir unha educación de calidade inclusiva e equitativa e promover as oportunidades de aprendizaxe permanente para todos ou garantir as pautas de consumo e de produción sostibles”. Igualmente amosan a importancia de que desde o campus se dea “exemplo de esforzo e aliñamento coa Axenda 2030” tendo en conta como ten titulacións de diferentes ámbitos de coñecemento implicados nos retos desta axenda.