DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves celebrouse a primeira edición do Galician Culture Day

O campus, un escaparate da natureza, a cultura e historia galegas para un cento de estudantes internacionais

Coñeceron a flora e a fauna da contorna, a música e o baile tradicional e a gastronomía do país

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Estudantado
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Música
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 18/05/2023

Para boa parte do alumnado internacional de intercambio, a cultura e a lingua galegas son aspectos bastante descoñecidos. E isto, a pesar de que ano tras ano, nos actos de benvida, as autoridades académicas os convidan a non quedar na casa, a coñecer xente, a percorrer as súas cidades de acollida e a súa contorna, a achegarse á historia galega e a aprender algo do idioma do país. Para facer máis sinxela esta ponte, a Universidade de Vigo apostou por poñer en marcha este curso un nova iniciativa: Galician Culture Day, un evento que se celebrou este xoves, coincidindo así coa conmemoración do Día das Letras Galegas.

En total participaron un cento de mozos e mozas estranxeiras, de diferentes programas de intercambio, que actualmente están a cursar os seus estudos nalgún dos tres campus da UVigo. Ao longo da xornada realizaron un roteiro pola contorna natural do campus de Vigo da man da Oficina de Medio Ambiente, posteriormente participaron nun obradoiro de música e danza galegas a cargo da Aula de Música Tradicional de UVigo e finalmente gozaron dun xantar con produtos típicos galegos.

Antes de iniciar as actividades, que realizaron acompañados polas vicerreitoras de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e de Internacionalización, Maribel del Pozo, recibiron a visita do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. As vicerreitoras, impulsoras desta iniciativa pioneira, destacan que se trata dunha estratexia para facer comunidade e achegarse ao país, para que todo o alumnado internacional, con independencia do seu lugar de orixe, do seu programa de mobilidade ou do centro no que estuden, poidan compartir un día de lecer e cultura como parte “da estratexia de integración na contorna, na cultura e na lingua galega”. 

A vicerreitora de Extensión Universitaria e docente da Facultade de Historia salienta importancia de ofrecerlle a este tipo de estudantes un percorrido pola historia, a cultura, a lingua, as tradicións e todas as especificidades que lles axuden a “ser conscientes da importancia da cultura galega e da contorna na que están a desenvolver os seus estudos”. Como ela mesma explica, o habitual é que “de xeito individual, o alumnado estranxeiro viva experiencias que teñan que ver coa realidade galega”, pero tamén considera “moi posible que non sexan demasiado conscientes que iso obedece a unha singularidade de Galicia”. Este é o motivo polo que se puxo en marcha o Galician Culture Day, para poñer o foco nestas especificidades e que o colectivo de alumnado estranxeiro aproveite ao máximo a súa estadía e coñeza a cultura de Galicia. A idea é que este evento acade continuidade e se converta nunha cita anual de referencia para o alumnado internacional da UVigo.

Andar, bailar e xantar

O roteiro arrancou dende a praza Miralles para subir á parte alta do campus, na contorna da Residencia Universitaria, onde ademais hai restos de necrópoles e monumentos megalíticos que se conservan soterrados e que foron, hai anos, obxecto dunha campaña de prospección con xeorradar. Ao longo de todo o percorrido as e os estudantes puideron coñecer, grazas ás explicacións do persoal da OMA, a vexetación e o bosque autóctono galego, así como as especies de fauna máis características que se poden atopar no campus vigués. 

Unha vez de regreso na praza Miralles e da man Aula de Música Tradicional de UVigo coñeceron a tipoloxía e aspectos máis característicos e distintivos da música tradicional galega, os seus instrumentos, baile e danzas. E tamén houbo tempo para probar a tocar a pandeireta, para bailar e para cantar. Para completar a xornada, puideron degustar pratos típicos como empanada, tortilla, chourizos ou queixo do país.