DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso impartido na Facultade de Educación e Traballo Social

O campus formará especialistas en autonomía de mozos e mozas do sistema de protección

O prazo de preinscrición nas súas 18 prazas está aberto ata o 30 de xullo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 21/07/2021

Entre as novidades da oferta formativa no campus de Ourense para o vindeiro curso académico está na Facultade de Educación e Traballo Social a posta en marcha do curso Especialista en Autonomía de Mozos e Mozas no Sistema de Protección. A iniciativa pretende facilitar ás e aos profesionais que traballan con mocidade tutelada os coñecementos e habilidades necesarios para que poidan deseñar estratexias socioeducativas eficaces e de calidade para acompañar a este colectivo no seu camiño de emancipación, que xeralmente comeza aos 18 anos. O prazo de preinscrición nas súas 18 prazas está aberto ata o 30 de xullo.

Teoría e práctica

Coordinado polo profesor Deibe Fernández Simo e dirixido pola profesora María Victoria Carrera, o curso conta con 360 horas de formación teórica e práctica que se desenvolverán desde setembro de 2021 ata maio de 2022. Ofértanse un total 18 prazas orientadas a complementar a formación e habilidades de alumnado e titulados e tituladas dos graos de Educación Social e Traballo Social, que se imparten na facultade organizadora, así como de outras titulacións afíns, como Pedagoxía e Psicoloxía. Segundo explica María Victoria Carrera, o curso "constitúe a única oferta formativa especializada en Galicia", destacando da iniciativa como “a nivel social ten unha relevancia innegable" debido ao seus obxectivos, que son facilitar unha formación especializada no ámbito da protección á infancia e á adolescencia; favorecer o deseño profesional de estratexias específicas no apoio á transición á vida adulta da adolescencia vulnerable e coñecer os procesos de acompañamento socioeducativo con adolescencia en protección.

Ao longo co curso, que terá un carácter presencial, nos módulos teóricos as e os inscritos abordarán cuestións como a regulación xurídica do sistema de protección de menores; o perfil da adolescencia en protección; as competencias profesionais para a acción socioeducativa con adolescencia; o modelo de vivendas e protocolos; a acción socioeducativa e xénero; o ocio da adolescencia; o vínculo e acompañamento socioeducativo e a inserción laboral da mocidade en dificultade social. Ademais, as persoas participantes realizarán 210 horas de prácticas en vivendas tuteladas e asistidas ou en oficinas de inserción laboral con mocidade en protección en colaboración coa oenegué do sector Igaxes, ofrecendo o curso unha bolsa de emprego de dez contratos de traballo en recursos residenciais. O profesorado da formación será da Universidade de Vigo e de outras institucións académicas referentes, ademais de profesionais de dilatada experiencia no sector. O importe da matrícula é de 686  euros.

Acompañar no tránsito á vida adulta

O curso, explica Deibe Fernández Simo, “naceu da necesidade que se ten detectado no mercado laboral e na educación social de apoiar os procesos de emancipación da mocidade en situacións de dificultade social, que é unha mocidade que ten que emanciparse nun período de tempo moi curto”, xa que, lembra, “habitualmente cando chegan aos 18 anos estes mozos e mozas xa teñen que contar coa autonomía precisa para desenvolverse por eles mesmos, ao carecer de apoio familiar”. Neste senso, o profesor apunta como “unha das cuestións que máis nos está preocupando ás persoas que investigamos sobre o tránsito á vida adulta das persoas con dificultade social é as condicións nas que se emancipan, que soen estar marcadas polas dificultades”. Para estes mozos e mozas, recalca Fernández Simo, resulta “decisivo contar con autonomía suficiente para poder vivir dunha maneira independente, sen precisar apoios”.

Neste contexto, Deibe Fernández Simo comenta que “nas investigacións que realizamos, detectamos que a xente que está traballando con este colectivo e neste tránsito demandan reforzamento en determinados aspectos da súa formación”. Así, engade, “aínda que os educadores e educadoras sociais contan cunha base, é oportuno que se especialicen máis porque os retos aos que ten que enfrontarse esta mocidade son verdadeiramente extenuantes. As persoas que os vamos a acompañar no seu tránsito temos que contar coas estratexias máis axeitadas para dar unha resposta efectiva”. Neste contexto, o profesor sinala que o curso que se pon en marcha “está pensado para facilitarlle ás figuras profesionais que vaian a acompañar a esta mocidade as habilidades, as destrezas, para traballar axeitadamente o proceso de autonomía con este colectivo”, ofrecéndolles “unha formación integral sobre todos os aspectos que teñen que ver coa autonomía desta mocidade”.