DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro curso académico oferta 1015 prazas de novo ingreso

O campus de Ourense abre as súas portas para pór en valor as súas 19 titulacións de grao

As xornadas continuará este mércores en Pontevedra e o xoves en Vigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 14/06/2022

As nove facultades e escolas do campus de Ourense ofertan para o curso 2022/2023 1015 prazas para o alumnado de novo ingreso en 19 graos e programas conxuntos de dous graos. Dúas son titulacións de nova creación: Intelixencia Artificial e Relacións Internacionais. Este martes celebrouse unha xornada de portas abertas que permitiu a familias e estudantes preuniversitarios coñecer de primeira man as instalacións e a oferta formativa que teñen nun campus que este curso académico acadou unha taxa de ocupación de prazas de grao de novo ingreso do 101%. As xornadas de portas abertas da Universidade de Vigo continuarán este mércores no campus de Pontevedra e o xoves no de Vigo, non sendo preciso inscrición previa.

Abertas ao conxunto da sociedade pero pensada especialmente para as familias e o alumnado de bacharelato e dos ciclos formativos de grao superior, a xornada celebrouse ao longo de toda a mañá nos diferentes edificios do campus de Ourense, cun formato adaptado ás características de cada escola e facultade. Tal e como salientou no seu arranque Ana Caamaño, técnica de Captación de Alumnado da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, “a idea desta actividade é volver na medida do posible á presencialidade e restablecer un formato de xornadas de portas abertas que xa se fixo no campus de Pontevedra e Vigo en 2019 e que funcionou relativamente ben”. Realizadas a pasada semana as probas das ABAU, engadiu, esta iniciativa quere “axudar a todo aquel alumno e alumna indeciso a coñecer un pouco máis as titulacións que ten na UVigo e axudarlle a tomar esa decisión de futuro que pronto vai a ter que tomar”.

Da Enxeñaría Informática a Relacións Internacionais

O primeiro centro en abrir as súas portas foi a Escola Superior de Enxeñaría Informática. O seu director, Francisco Javier Rodríguez foi o encargado de presentar ás familias e estudantes presentes as titulacións de grao que se ofertan neste centro, concretamente, o Grao en Enxeñaría Informática, “o propio da profesión”; o novo Grao en Intelixencia Artificial, “o primeiro novo título que temos en moitos anos” e unha aposta no marco “dunha nova orientación cara unha informática máis especializada, no noso caso orientada a Sistemas de Información Intelixentes”, e o programa conxunto que permite facer simultaneamente os graos en Enxeñaría Informática e Administración e Dirección de Empresas. O responsable académico destacou, alén da alta demanda que teñen estes estudos e da empregabilidade de case o 100% dos seus titulados e tituladas, o feito de que esta escola, “que conta cun profesorado moi novo e un trato moi próximo”, está situada “no campus de Ourense, un campus urbano, nunha cidade con facilidade de vivenda que permite unha conxunción moi boa da vida persoal e académica”.

O percorrido polo campus continuou na Facultade de Educación e Traballo Social, que guiou ás e aos asistentes polas súas instalacións ao mesmo tempo que lle presentaba as súas titulacións (graos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social). “Os nosos títulos son moi coñecidos e as nosas prazas cóbrense con certa facilidade pero é moi importante este diálogo de portas abertas cos estudantes que se queiran achegar, xa que ademais de coñecer as titulacións poden coñecer o espazo onde se desenvolverá a súa vida universitaria e coñecer as dinámicas de traballo”, comentou Xosé Manuel Cid, decano do centro na benvida.

Os demais centros do campus de Ourense foron ao longo da mañá acollendo ao alumnado interesado e explicándolle en detalle as súas instalacións, titulacións e características, dando a coñecer os graos de Enxeñaría Aeroespacial; Xeografía e Historia; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Ciencias Ambientais; Enxeñaría Agraria; Turismo; Administración e Dirección de Empresas; Dereito; Enfermaría e os programas conxuntos de ADE-Dereito e Turismo-Xeografía e Historia. En graos como os de Enxeñaría Agraria fíxose fincapé na súa elevada empregabilidade e na súa dispoñibilidade de prazas e no de Turismo e Turismo-Xeografía e Historia na convocatoria de 45 bolsas para o alumnado matriculado cuxa contía será de 900 euros para cada estudante seleccionado e 450 adicionais para os mellores expedientes de acceso, tendo prioridade o alumnado que inicie estudos.

Pechando esta programación, presentouse tamén a segunda das novidades na oferta de titulacións no campus de Ourense para 2022/2023, o grao e a facultade de Relacións Internacionais. Pendentes dos últimos trámites oficiais, “xa estamos dando os pasos para efectivamente abrir portas en setembro”, explicou Laura Carballo, decana comisaria desta Facultade de Relacións Internacionais. Da nova titulación a súa coordinadora destacou o seu carácter interuniversitario, compartido coa Universidade da Coruña, e o feito de que é “un grao absolutamente novo no sistema universitario de Galicia, un grao altamente demandado noutras comunidades autónomas onde está implantado”. Trátase, apuntou, dunha titulación que “se axusta tanto ás necesidades sociais, como económicas, como políticas de Galicia” e altamente multidisciplinar, “xa que implica coñecementos de historia, de dereito, de política, de socioloxía, de economía, de informática, etc, e cunha presencia importante dos idiomas”.

Barallando opcións

Entre o alumnado que se achegou a estas xornadas estivo Lili Maedela, estudante de 17 anos de A Coruña interesada nos graos de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial. Aínda valorando opcións tendo en conta as notas de acceso de anos anteriores e á espera da súa nota nas ABAU, esta estudante sinalou como se decanta por estes títulos porque “gústanme moito as matemáticas e parécenme moi interesantes as saídas que teñen estas enxeñarías”. Tamén estivo este martes Alba Sintes, de 21 anos e actualmente rematando un Ciclo Superior de Mediación Comunicativa en A Coruña. “Interésame seguir estudiando na universidade e pensei en Traballo Social, que só está en Ourense, así que vin a esta xornada de portas abertas para coñecer algo máis sobre esta titulación”, comentou Alba Sintes, que ao igual que Lili Maedela destacou a primeira boa impresión causada polo campus de Ourense.