Só terá acceso persoal de servizos mínimos ou que teña que atender incidencias imprescindibles
O campus de Ourense suspende a súa actividade e pecha as súas instalacións este venres ante as previsións de temporal
Á vista das advertencias emitidas por MeteoGalicia e pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), que sitúan a provincia de Ourense en aviso laranxa por fortes ventos, precipitacións intensas e risco de incidencias asociadas ao temporal Ingrid, a Universidade de Vigo acorda suspender para este venres, 23 de xaneiro, a actividade presencial docente, investigadora e administrativa no campus de Ourense e o peche das instalacións deste campus.
Por resolución do reitor, Manuel Reigosa, a institución académica adopta esta medida considerando que as condicións meteorolóxicas previstas “poden afectar de maneira significativa á seguridade da comunidade universitaria, ao acceso ás instalacións e ao normal desenvolvemento das actividades presenciais” e velando pola seguridade das persoas e polo correcto funcionamento dos servizos universitarios.
Concretamente, pecharanse temporalmente todas as instalacións, centros e servizos do campus durante o día 23, con prohibición de acceso agás para o persoal autorizado que deba garantir servizos mínimos ou atender incidencias imprescindibles. Tampouco haberá actividades deportivas ao ar libre en ningunha instalación da Universidade de Vigo. Igualmente suspéndese a actividade presencial docente, investigadora e administrativa no campus durante a xornada, mantendo activas as vías de atención telemática e telefónica, así como o uso do rexistro electrónico. Implantarase servizo de vixilancia 24 h debido ao peche.
Ademais, a Universidade de Vigo recomenda ao estudantado e ao persoal do campus que, na medida do posible, desenvolvan as súas tarefas de forma non presencial, empregando as ferramentas corporativas dispoñibles. Por último, a Área de Infraestruturas e a Área de Tecnoloxías da Información deberán coordinarse cos servizos de mantemento e seguridade para garantir o correcto funcionamento das instalacións e atender calquera incidencia derivada do temporal.
