DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa inserida no Green Campus, completada coa colocación de carteis informativos

O campus reduce o seu consumo de auga coa revisión de todas as súas billas

Limitouse o seu caudal en baños e laboratorios

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/10/2020

A optimización dos consumos de auga e de enerxía constitúe unha “das liñas de actuación prioritarias” do programa Green Campus, como sinala o seu director, Carlos Souto, e nela insírense cada curso diferentes iniciativas, como a “auditoría” realizada nos últimos meses nas billas dos lavabos, laboratorios e vestiarios das diferentes facultades e escolas do campus. Esta serie de medicións levaron a axustar os caudais de auga das diferentes billas, reducindo nalgúns dos casos a media de litros por minuto en máis do 60%. Esta actuación que, como explica o director do Green Campus e do Campus Crea, “precisará dun seguimento, seguramente anual”, viuse complementada pola colocación nos baños dunha serie de carteis adhesivos dirixidos a incidir na importancia de realizar un consumo responsable da auga.

“O que se fixo foi ir billa por billa, medindo o seu caudal e comprobamos que a maior parte tiñan un caudal excesivo con respecto aos estándares indicados para un consumo responsable”, explica Carlos Souto. A por aquel entón bolseira da Oficina de Medio Ambiente no campus, Nerea Mallo, encargouse de realizar esta serie de medicións, tralas que, coa colaboración do persoal das conserxerías dos diferentes centros, procedeuse a axustar as chaves de paso de cada billa para que estas tiveran “un valor razoable, de tres ou catro litros por minuto, que é un caudal que pode parecer escaso, pero que realmente cando o vas usar dáste conta de que é máis que suficiente”, engade Souto. A realización de novas medicións para comprobar o efecto dos axustes realizados e a colocación de vinilos adhesivos nos baños foron os seguintes pasos dados nunha liña de traballo que, como lembra o director do Green Campus, deberá continuar nos vindeiros meses coas tarefas de seguimento. Nese senso, Souto incide en que, dado o investimento que suporían solucións de carácter definitivo como cambiar as billas por outras que limiten o caudal, esta actuación obriga “a un seguimento, que probablemente se faga a comezos de ano, seguramente cunha mostra do total de billas, por unha cuestión de operatividade”. 

Diminucións de entre o 30% o 70%

Aínda que esta acción non puido levarse a cabo en todas as billas, nalgúns casos por non ter chaves de paso accesibles e noutros polos ruídos que provocaba o seu axuste, esta iniciativa permitiu diminuír o número de litros por minuto entre un 33% e o 74%. Esta última porcentaxe en concreto, corresponde aos laboratorios da Escola de Enxeñaría Forestal, onde o caudal nos baños diminuíse nun 66,6%. No caso da Facultade de Fisioterapia, a diminución foi do 50,5% tanto nos baños como nos vestiarios e dun 33,3% nos laboratorios. No caso de Ciencias Sociais e da Comunicación, o axuste implicou reducir un 34,7% o caudal nos aseos, porcentaxe que en Belas Artes ascendeu ao 41,2%. Nesta facultade, non puido realizarse o axuste nos talleres, mentres que en Ciencias da Educación e do Deporte non foi posible realizalo nos baños, que presentaban un dos caudais máis elevados, pero si nos laboratorios, cunha diminución do 55,4%. Tamén se realizaron estas medicións na sede da Vicerreitoría e no Pavillón Universitario, que xa contaba con billas de pulsación curta e cun caudal axustado, polo que os cambios limitáronse aos vestiarios. 

“Isto non significa que a redución real no consumo de auga vaia ter estes valores”, remarca Souto, “aínda que creo que si se vai notar un descenso no consumo, pero por agora non temos datos que poder comparar”. Nese senso, lembra que os cambios que a crise sanitaria implicou na actividade dos centros, sumada á suspensión das clases presenciais o pasado mes de marzo, fan imposible realizar polo de agora comparativas entre o consumo anterior e posterior aos axustes. 

“A redución de consumos é unha cuestión prioritaria, de enerxía e auga, pero tamén de calquera tipo de produto que poida producir residuos”, engade o director do Green Campus. Con ese obxectivo, a actuación nas billas viuse precedida, o pasado curso, pola instalación de fontes de auga nas diferentes facultades e escolas, co propósito de tratar de reducir “o consumo de plásticos de un só o uso, como o das botellas de auga”.