DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns acolleu unha conferencia do responsable do Instituto Galego de Estatística

O campus súmase á celebración da Semana da Administración Aberta

O mércores haberá unha mesa redonda sobre captación de talento en Facenda e Catastro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Ourense 20/03/2023

Desde o 20 ao 24 de marzo celébrase en España a Semana da Administración Aberta, unha iniciativa impulsada a nivel mundial pola Alianza para o Goberno Aberto (Open Gov Week) cuxo obxectivo principal é achegar as administracións públicas á cidadanía, baseándose nos principios do goberno aberto: transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración. Uníndose a esta celebración, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolle esta semana varios actos.

A importancia dos datos

O primeiro deles tivo lugar este luns e consistiu nunha conferencia de José Antonio Campo Andión, director xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE). Na súa presentación, o vicedecano da facultade Francisco Javier Sánchez destacou a traxectoria do relator facendo fincapé nos seus 28 anos na dirección deste instituto pero tamén na súa faciana como docente. Amosando a súa satisfacción por participar nun acto na universidade, José Antonio Campo apuntou a importancia de achegar o traballo estatístico “a potenciais usuarios, como neste caso profesorado e alumnado universitario”. Na súa conferencia, o convidado explicou “como xurdiu o sistema estatístico galego, que é o que estamos a facer desde o IGE e que retos que se lle presentan a este sistema nos vindeiros anos”. Estes retos, recalcou, “son comúns aos demais sistemas estatísticos” e pasan por "servir ás políticas públicas, á desagregación territorial, á puntualidade, aos problemas que se poidan presentar coa utilización das novas fontes, coa innovación nos procesos de produción e difusión da información e na metodoloxía estatística e cos recursos", entre outros.

O Instituto Galego de Estatística, lembrou o seu responsable, “é o órgano encargado de dirixir e coordinar a actividade estatística en Galicia” e tamén é, por encomenda da lei do Plan Galego de Estatística, produtor de datos estatísticos, explicando na súa intervención José Antonio Campo conceptos como as estatísticas oficiais. Estas funcións, apuntou o relator, vinculan ao IGE de xeito especial cos principios de goberno aberto. “Somos responsables de proporcionar datos e polo tanto o primeiro que temos que ter é un proceso de transparencia, de claridade, no que facemos. A xente, tanto o goberno, como a oposición como a cidadanía en xeral, ten que confiar nos nosos datos”, afirmou lembrando a  importancia de que “as decisións hai que tomalas en base a unha información estatística de calidade”. Por último, o convidado tamén achegou ao alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo presente as oportunidades laborais que teñen no Instituto Galego de Estatística.  

Oportunidades laborais no Catastro

A programación da Semana da Administración Aberta continuará no campus este mércores cunha mesa redonda sobre captación de talento no Ministerio de Facenda e na Dirección Xeral do Castro. Neste caso, intervirán Javier García, delegado de Economía e Facenda en Ourense; Manuel Junco, xerente territorial do Catastro en Ourense; Beatriz Surribas, técnica superior de Xestión Catastral Ourense, e Fabiola Palacio, técnica superior de Inspección Catastral Ourense. Será ás 12.00 h na aula magna José Ángel Valente, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, estando aberta ás persoas interesadas.

Nesta mesa redonda, o público asistente poderá coñecer que profesionais traballan no Catastro, onde, indican desde a entidade, están presentes equipos multidisciplinares que inclúen profesionais de diversas ramas do coñecemento. Entre elas, citan o dereito (protección do patrimonio, seguridade do tráfico inmobiliario, procedementos administrativos e coordinación no rexistro da propiedade); a economía e empresa (identificación e valoración de activos, transacción de inmobles, análise de mercado e contratación administrativa) e a arquitectura e construción (valoración de inmobles, coñecemento do mercado inmobiliario, plans de ordenación territorial ou mantemento de edificios e instalacións, etc). Outras das ramas de coñecemento que abranguen, engaden, son as enxeñarías agronómicas, de montes e medio ambientais (valoración de fincas e construcións agrarias, coñecemento do mercado inmobiliario rústico ou planificación agraria, entre outros) e a cartografía, informática e estatística (análise territorial, sistemas de información xeográfica, medicións e deslindes, etc.).

Igualmente, as e os asistentes poderán coñecer como entrar a formar parte do Catastro, as diferentes convocatorias tanto a corpos específicos como as xerais da administración e o traballo que se desenvolve no seu día a día nesta entidade en Ourense.