Impartido na Facultade de Educación e Traballo Social por Artur Puga
O campus únese á celebración do Día de Rosalía cun obradoiro de baile tradicional
Na actividade participaron arredor de 40 estudantes do centro
No marco do seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, cada ano a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense súmase á conmemoración do Día de Rosalía de Castro, que cadra o 23 de abril. Nesta ocasión, fíxoo coa celebración este venres dun obradoiro de baile tradicional que estivo a cargo do bailarín, coreógrafo e formador en baile tradicional galego Artur Puga.
A través do baile, o centro quixo nesta ocasión unir a tradición rosaliana coa actualidade, “nunha posta en valor dos nosos referentes culturais e identitarios, partindo da autora que inaugurou a literatura moderna en lingua galega”. A iniciativa, explicou a vicedecana do centro Ana Mª Iglesias, enmárcase no Plan de Galeguización que ten a Facultade de Educación e Traballo Social e dá continuidade a outro obradoiro anterior impartido por Mondra. “Parécenos moi importante ofrecer, con actividades coma estas, ao noso estudantado referentes actuais que, en lingua galega, traballen co tema identitario galego sen esquecer as orixes e as tradicións”, comentou a profesora, facendo fincapé na importancia de que o alumnado, futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria, coñeza as posibilidades didácticas da “hibridación entre o tradicional e o moderno” na cultura galega.
Primeiros pasos
O obradoiro, de carácter eminentemente práctico e aplicado, contou coa participación de arredor de 40 estudantes. O obxectivo, explicou Artur Puga, foi romper o clixé de que o baile tradicional galego é algo só de persoas maiores e introducir ao alumnado asistente “nos primeiros pasos para comezar a bailar baile tradicional galego” e facer así “un traspaso desa información para que elas e eles o poidan utilizar no seu futuro traballo como docentes”. O convidado, egresado en Ciencias da Educación e do Deporte pola Universidade de Vigo e en Filosofía, lembrou que a música, tradicional ou non, forma parte do curriculum das diferentes etapas do ensino pero, afirmou, “aínda hai moito medo a relacionarnos con cousas que non controlamos moito”, polo que con iniciativas coma este obradoiro amosou o seu desexo de contribuír “a quitar ese medo para que nos colexios, institutos ou calquera espazo de ensinanza poidamos achegarlle ao alumnado un pouquiño da nosa tradición”, neste caso o baile.
Actualmente, comentou Artur Puga, en Galicia “estamos vivindo un momento doce” despois “duns anos moi potentes tanto a nivel musical como de danza”. Porén, o bailarín recalcou a importancia de que este auxe se traduza nunha normalización, ao igual que acontece na lingua galega. “Unha das cousas que vivimos as persoas que nos dedicamos á música tradicional é que sempre fomos digamos mirados un pouco raro pero agora cada vez é máis normal que calquera persoa se poida relacionar coa música e baile tradicional galego desde o punto que queira, desde ir ver un grupo nun festival ata tocar a pandeireta ou ir a clases de baile”, sinalou Puga, actualmente profesor na Universidade de Braga (Portugal). Aínda que eminentemente práctico, o obradoiro tamén permitiu falar de tradición, de tradición oral ou do papel das mulleres nela, entre outros temas, e sempre desde unha perspectiva de xénero.
