Nas xornadas de portas abertas que se celebran ao longo desta semana
O campus de Vigo abre as súas escolas e facultades a preto de 700 estudantes de secundaria
Participan 15 centros da provincia e haberá unha segunda quenda en abril
A seis meses de que teñan lugar as Probas de Acceso á Universidade, moitos mozos e mozas de 2º de Bacharelato teñen aínda por diante a complexa tarefa de decidir que titulación universitaria queren cursar. Para axudalos, a Universidade de Vigo está a celebrar unha serie de Xornadas de Portas Abertas, que lles permiten coñecer de preto os graos que se imparten na UVigo así como as diferentes instalacións que terán á súa disposición durante a súa vida universitaria.
Dende este luns e ata finais desta semana pasarán polo campus de Vigo 673 mozos e mozas de 15 institutos da provincia de Pontevedra. As visitas organízanse por itinerarios, de modo que o alumando elixe previamente cales son os eidos do coñecemento que lle interesan e así, divididos por grupos, os percorridos focalízanse nos seus intereses. O estudantado interesado nas humanidades coñecerá a Facultade Filoloxía e Tradución e os que prefiran as ciencias sociais e xurídicas percorrerán as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Para os que opten polo eido científico, o percorrido será polas facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, mentres que as e os interesados polo mundo tecnolóxico coñecerán as escolas de Enxeñaría de Telecomunicación; Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Industrial.
As xornadas están organizadas Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade a través da Área de Captación de Alumnado, dende onde agardan que “despois de visitarnos e de coñecer máis de preto o campus de Vigo”, ao alumnado preuniversitario lle sexa “un pouco máis doado tomar unha decisión tan importante como é a de elixir unha universidade e unha titulación para desenvolver capacidades e habilidades e, sobre todo, lles permita medrar como persoa”.
As portas abertas regresarán ao campus de Vigo na primavera, con outra quenda da visitas que terán lugar entre o 8 e o 14 de abril.
Alumnado de Marín, Moaña, Tui e Vigo na primeira xornada
Os primeiros en participar nesta nova edición das Xornada de Portas Abertas do campus de Vigo foron 136 mozos e mozas, principalmente de 2º de Bacharelato, procedentes dos IES Illa de Tambo, de Marín; IES As Barxas, de Moaña; IES Indalecio Pérez Tizón, de Tui, e o Colexio Lar, de Vigo. Mañá martes será a quenda doutros 165 rapaces e rapazas do CPR Santa Cristina, de Vigo; o IES Francisco Asorey, de Cambados; o IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas e o CPR Plurilingüe Jesuitinas Miralba, de Vigo.
As visitas continuarán o mércores con 133 estudantes dos centros vigueses CPR Nuestra Señora de la Esperanza, Los Sauces e CPR Divino Salvador. O xoves poderán coñecer o campus 120 alumnos e alumnas do IES Coruxo e do IES A Cañiza e as Xornadas de Portas Abertas rematarán o venres coa chegada ao campus dun grupo de 119 mozos e mozas do IES República Oriental Do Uruguai e do IES de Beade, ambos de Vigo.
