DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O volume foi editado polo Servizo de Publicacións da UVigo 

Candelas Colodrón rende un emotivo tributo a Nápoles nun ensaio centrado na literatura española dos séculos XVI e XVII

“Quería saldar unha débeda co impacto causado pola cidade na miña experiencia”, asegura o autor

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 16/05/2024

Nos séculos XVI e XVII, Nápoles era, xunto a París, a cidade máis populosa de Europa, un centro de encontro cultural mediterráneo, cun riquísimo ambiente literario, que contribuíu a potenciar o talento dos autores e autoras españolas. “O exemplo de Garcilaso é, acaso, o máis célebre, pero o menos coñecido de Juan de Valdés, promotor dun grupo de destacados humanistas inclinados ao erasmismo o ao luteranismo, é elocuente mostra da importancia de Nápoles no desenrolo dunha cultura e dunha infraestrutura intelectual de primeiro orde. Non se esqueza neste aspecto, a forte pegada de virreis coma Pedro de Toledo, duque de Alba e marqués de Vilafranca do Bierzo, ou coma o galego Pedro Fernández de Castro, Conde de Lemos, impulsores decididos da expansión urbana, artística e literaria da cidade partenopea”, destaca Manuel Ángel Candelas Colodrón, catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da UVigo e autor de Nápoles en la literatura española de los siglos XVI y XVII. Textos literarios, ambiente cultural e intercambios intelectuales en el virreinato.

O volume, editado polo Servizo de Publicacións da UVigo na categoría de Monografías. Serie Humanidades e Ciencias Xurídico-Sociais, ten a súa orixe, por unha banda, segundo recoñece Candelas, na súa fascinación persoal pola cidade de Nápoles, “que conserva unha singularidade extraordinaria na actualidade, malia a globalización e a homoxeneización cultural en Occidente”. Pero tamén, explica o autor, na procura dunha explicación histórica, social e política a esa singularidade a través dos textos, escritos en lingua española, “que dunha forma, máis ou menos profunda, teñen que ver co ambiente e coa vida cotiá da cidade durante o período do virreinato, entre comezos do século XVI ata o momento da guerra de Sucesión española contra finais do século XVII, baixo o dominio da monarquía dos Austrias”. 

A questione napoletana

Ao longo das preto de 200 páxinas da súa obra, Candelas Colodrón indaga en varios discursos literarios escritos en lingua española e vencellados en formas heteroxéneas coa questione napoletana. “Desde a chegada dos aragoneses, con Alfonso V, a cidade partenopea supuxo o principal enlace entre as dúas penínsulas”, sinala o autor, que lembra que, logo da súa conquista por parte dos franceses en 1504, se converte nun enclave político de primeira orde “ata conformarse como un espazo exemplar para a interpretación e representación culturais da dinastía dos Austrias”. Nese intre comeza precisamente o período histórico que abarca o libro e que remata a comezos do século XVIII, co fin da crise e da guerra, a nivel europeo, pola Sucesión española e a instauración do Reino de Nápoles baixo a dinastía borbónica.

En relación coa selección de textos en lingua española nos que se centra o volume, esta obedece, segundo Candelas a varios criterios, dunha banda, a súa publicación nos activos prelos napolitanos (como a grande parte da literatura encomiástica ou de propaganda virreinal); doutra, a presencia do autor ou a autora en Nápoles durante un período significativo (como son os casos famosos de Garcilaso, Cervantes, María de Zayas ou de Quevedo); e por último ,”as referencias á cidade partenopea nas obras da época, como sucede nas comedias de Lope de Vega (El perro del hortelano) ou de Tirso (El burlador de Sevilla). Non sempre son textos considerados canónicos na tradición crítica e historiográfica hispana, pero son todos eles moi ilustrativos e paradigmáticos da importancia que cobra a cidade de Nápoles no imaxinario e na mentalidade da época”, detalla o autor.   

Texto divulgativo para todos os públicos e tributo emotivo a Nápoles

Inicialmente concibido para un público interesado na literatura dos séculos XVI y XVII, o libro foi escrito nos meses da pandemia “coa mirada posta nun público moito máis amplo, case como un texto de divulgación”, recoñece Candelas Colodrón, que explica que nel prescindiu da anotación a pé de páxina, clásica das monografías, ás que estamos afeitos. “Lese como un ensaio que pretende amosar a riqueza e a variedade do mundo literario, social e mesmo político napolitano. Eu quería, desde o principio, saldar unha débeda co impacto causado pola cidade na miña experiencia persoal e, ao final, o libro cobrou a dimensión de tributo emotivo e reflexivo do que representa Nápoles non só na literatura española senón no contexto europeo do que é principal fundamento”, conclúe o catedrático da UVigo.