DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Thomas Apostolou analizou os procesos que incorporan o imprevisible á produción artística

Cando a obra abandona o control do artista

A súa tese propón un “sistema unificado de comprensión” das diferentes estratexias

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/07/2021

O azar, o aleatorio, os accidentes, os procesos inconscientes, o uso de sistemas mecánicos, a participación de terceiras persoas... Os diferentes métodos que converten en imprevisible parte do proceso de creación dunha obra artística constitúen o eixo central da investigación que Thomas Apostolou desenvolveu para a súa tese de doutoramento. A partires da análise de máis de 200 obras e proxectos nas que elementos alleos ás propias decisións das e os artistas influían no resultado final da obra, Apostolou estudou as diferentes estratexias dirixidas a “eliminar parte do control do artista no proceso creativo”, propondo un “sistema de análise”, baseado nese maior ou menor nivel de control sobre o proceso artístico que implicaban unha serie de prácticas que, ata entón, foran analizadas de forma específica ou como procesos independentes.

Dirixida polos profesores da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Meana e José María Pérez Fabello, a tese The limits of control: search for fine art strategies with low level of control. Analysis of their creative processes naceu do propio interese deste artista e investigador, explica, “por modos de produción artística que incorporan imprevisibilidade dalgunha maneira”. Natural de Atenas, Apostolou formouse na universidade grega de Ioannina e no Camberwell College of Arts británico antes de desenvolver a súa tese no programa de Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo. A súa investigación, sinala, partiu do estudo da importancia que elementos como o azar teñen na arte contemporánea, para logo propor un “sistema unificado de comprensión” dos diferentes métodos de sumar a unha obra ese factor imprevisible, que á súa vez analizou tamén desde unha perspectiva práctica na súa propia produción artística.

Estratexias internas, externas, mecánicas e relacionais

A investigación comprendeu o primeiro termo un estudo de exposicións e bibliografía, que lle permitiu dar forma a un índice que reúne máis de 230 obras realizadas entre 1970 e 2019 e caracterizadas por ese factor imprevisible. Esta análise, dirixida a intentar comprender “como os artistas utilizaron a tensión entre o control e a imprevisibilidade”, permitiulle á súa vez identificar unha serie de estratexias dirixida a “limitar o control do artista no proceso creativo”. 

Apostolou fala en concreto de estratexias internas, externas, mecánicas e relacionais/interactivas. As primeiras, sinala, “extraen a impresivibilidade do mundo exterior”, de calquera elemento que non proceda “da mente ou do corpo do artista”, como, por exemplo, o uso de obxectos atopados. Nas internas, a perda de control “ten a súa orixe en calquera fonte dentro do artista”, como pode ser o uso do subconsciente, o debuxo a cegas... Por outra banda, as mecánicas basearíanse no emprego de “sistemas pechados”, como máquinas, xogos ou algoritmos, mentres que as relacionais ou interactivas son aquelas que “empregan a terceiras persoas ou a súa interacción como fontes” dese factor imprevisible. A estas súmanse ademais a que o investigador define como “híbrida”, que combinaría varias das anteriores.

O azar, moi presente na arte contemporánea

“Pódese dicir que o control e a imprevisibilidade existen en cada práctica artística, como o fan en cada aspecto humano”, sostén Apostolou, que analiza na súa tese tanto a variedade de métodos empregados para limitar o control sobre a obra como as múltiples motivacións das e os artistas. Estas, sinala, abranguen desde “axendas agresivas contra aspectos da mercantilización da arte, intentos revolucionarios de eludir a mente consciente e transformar a forma na que se percibe a realidade”, ata “declaracións sobre o libre albedrío ou programas radicais destinados a abrir a obra de arte ao fluxo aleatorio da vida cotiá”. Nese senso, o artista e investigador lembra que, se ben existen “exemplos de procesos artísticos con control limitado” desde a antigüidade, será a partir do século XX cando o azar se converta en foco de interese para moitos creadores das vangardas. De feito, o azar e o imprevisible chegaron a ser “o centro dunha gran variedade de prácticas artísticas” no pasado século, mentres que na actualidade continúan sendo unha ferramenta moi empregada, aínda que, recoñece, pasou xa “a época na que estas prácticas se consideraban rompedoras”. 

O menor control limita a identificación da obra

Apostolou completou esta investigación pondo en práctica as diferentes estratexias na súa propia produción artística, o que lle permitiu á súa vez avaliar os seus efectos na relación da obra de arte coa súa contorna, así como en que medida cada unha delas permitiría achegarse a uns “límites de control no proceso creativo” máis baixos. Neste punto, o investigador pon o foco en que son “aqueles procesos máis simples, que esixen un menor número de decisións” os que fan diminuír en maior medida ese control, que, engade, nunca pode ser cero.

“Unha das conclusións da tese é que, cando nos achegamos aos límites máis baixos de control, a obra de arte é difícil de identificar como tal e discernila da vida real”, sinala Apostolou. Neste punto, o artista e investigador lembra que a busca dese “control mínimo” implicaría non usar elementos que non son parte da obra como tal, “pero que axudan á súa identificación”, como títulos, textos de presentación ou documentación. De feito, o artista aborda na súa tese un “exemplo de obra que combina todos eses factores e ilustra a dificultade de ser identificada” como tal. “Cata vez que atopo folletos publicitarios, barálloos e, consecuentemente, a persoa seguinte non leva a copia que lle tocaba, senón outra. Aínda que a miña intención é a de facer unha acción artística, a falta de contexto impide a súa interpretación como tal”, relata.