DUVI

Diario da Universidade de Vigo

16 traballos conxuntos de alumnado e profesorado conforma a 12ª edición de 'Afinidades Selectivas' 

'Carótides e coronarias', unha metáfora do proceso vital e formativo que se produce na Facultade de Belas Artes 

A mostra abre mañá as súas portas ao público na Casa Galega da Cultura

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Estudantado
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 24/03/2021

O cómic abstracto travestido de animación surrealista de Rapapawn (Cynthia Alfonso y Oscar Raña). A xerarquía da estrutura visual/formal como linguaxe pictórica de José Chavete. A abstracción poética que expresa tactilidade de Julia Huete. O horizonte contemplado desde a emoción de Araceli Liste. O apropiacionismo crítico ás iconas da modernidade de Suso Fandiño. O obxecto/corpo visto desde as perspectivas de xénero de Mar Ramón Soriano. O debuxo/imaxe como xerador de paradoxos de María Silva. E os paradoxos construtivos mediante formas e escalas de Ruth Vidal. Isto é para o docente e investigador da Facultade de Belas Artes da UVigo e comisario da exposición Afinidades Selectivas: carótides e coronarias, Juan Carlos Román, o máis relevante das obras que conforman a mostra e que segundo Román “son propostas persoais; é dicir, elaboracións de subxectividade baseadas en procesos racionais e sensibles por igual”. 

Desde maña e ata o 9 de maio a Casa Galega da Cultura acollerá a decimo segunda edición da mostra nacida na Facultade de Belas Artes e na que, como é tradición, este ano o comisario seleccionou a catro docentes, dos e das que coñece o seu traballo artístico e que, atendendo ás directrices da mostra, dispoñen de absoluta liberdade para elixir ao alumnado co que forman parella artística: Mar Ramón Soriano e Julia Huete; José Chavete e Rapapawn; Araceli Liste e María Silva e Suso Fandiño e Ruth Vidal. “Existe unha particularidade que define tanto aos estudos de BBAA como aos e ás que traballamos na facultade, e é que non só se imparte o se estuda carreira de BBAA, senón que todos somos de BBAA. Ése se BBAA, non é algo que simplemente se pode facer”, asegura Juan Carlos Román. 

No acto de presentación pública que tivo lugar este mediodía Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria destacou o esforzo que se fixo este ano para realizar a mostra, respectando as medidas de seguridade implantadas por mor da covid, “co obxectivo de manter o compromiso da UVigo coa cultura”. Caparrini lembrou a maridaxe entre alumnado e profesorado que se dá nesta mostra e afirmou que o mellor xeito que ten a institución de devolver a confianza que nela deposita a sociedade “é amosando todo o que se fai nas nosas aulas, laboratorios e centros de investigación “. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén destacou o proceso de cooperación que se produce entre docentes e estudantes de BBAA , xa que “desa simbiose nace este proxecto”, sinalou Caballero.  O alcalde, que defendeu a arte entendida como relación, sentimento e sensación coa cidadanía, destacou o valor dunha relación “que queda para sempre. A relación de conectividade física, científica e social entre docentes e alumnado da universidade”, para o que puxo como como exemplo a que el mesmo mantén co seu director de tese. O alcalde de Vigo rematou a súa intervención desexando longa vida á mostra.

Unha metáfora do proceso vital e formativo de BBAA

Carótides e coronarias, o título da mostra, incide no proceso e/ou percorrido constante da sangue a través dun grupo de arterias co obxectivo de manter vivos, tanto o corazón, coma o cerebro. “É, polo tanto”, explica Román, “unha metáfora do proceso vital e formativo que se dá na Facultade de BBA de Pontevedra. O alumnado comprende rapidamente que a Arte non é a aprendizaxe mecánica dunha serie de saberes ou técnicas, senón que a súa tarefa é a xeración de sentido a través de procesos propios e persoais que terán que ser refutados constantemente, ante os seus propios compañeiros e compañeiras, entre as e os docentes e ante a sociedade en xeral”. E é que para Juan Carlos Román arte é o resultado dunha aliaxe que fusiona clasicismo e romanticismo, racionalismo e expresionismo, cerebro e corazón, “de tal xeito que, no seu devir, a arte agrupa para si a representación simbólica do que somos como sociedade”.

Juan Carlos Román invita ao público a que acuda á mostra con curiosidade e, sobre todo, “orgullosos e orgullosas de ter uns e unhas excepcionais artistas e posuír unha magnífica Facultade de BBAA”, asegura.