DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha conferencia do catedrático da USC Ángel Carracedo, na Escola Naval Militar

A Cátedra Álvarez-Ossorio achégase ao mundo da xenética

O relatorio levaba por título ‘Xenoma, educación e liderado’

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 15/03/2019

Xenoma, educación e liderado era o título da conferencia que, na tarde deste xoves, impartiu na Escola Naval Militar de Marín o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo, nunha actividade enmarcada na programación da Cátedra Almirante-Álvarez Ossorio, que a Universidade de Vigo e a Escola Naval promoven conxuntamente. Nun relatorio presentado polo director da ENM, o capitán de navío Ignacio Cuartero, e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, Carracedo realizou un percorrido pola súa traxectoria profesional e persoal, ademais de tratar de achegar ao alumnado da escola e ao público asistente ao que significa a xenética e a información que esta pode proporcionar das persoas. Nese senso, o investigador abordou na conferencia cuestións como o mapa do xenoma humano, amosou exemplos de mapas xenéticos de diferentes partes do mundo e abordou tamén o papel que a identificación xenética ten xogado á hora de resolver determinados sucesos. 

Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Sergas-Xunta de Galicia) e do Centro Nacional de Xenotipado-ISCIII, así como presidente da International Academy of Legal Medicine, Carracedo foi director do Instituto de Medicina Legal da USC entre 1994 e 2012 e dirixe o grupo de Medicina Xenómica, integrado por dez grupos de investigación, varias plataformas tecnolóxicas e máis de cen persoas. Membro de diferentes organismos reguladores, este catedrático é tamén autor de oito libros e arredor de 600 artigos ne revistas internacionais, incluíndo numerosos artigos en Nature, Science ou Nature Genetics, ademais de nas principais revistas de xenética médica, cancro e medicina forense. A xenética do cancro e das enfermidades de neurodesenvolvemento, as enfermidades raras e a farmacoxenómica constitúen na actualidade as principais liñas de investigación dun catedrático que dirixiu ademais 102 teses de doutoramento e cuxa traxectoria foi recoñecida con numerosos premios, entre os que destaca o Premio Rey Jaime I de investigación, o de maior contía que se outorga en España, as medallas Adelaide e Gailen, o Premio Nacional de Xenética, a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Galicia de Investigación.