DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con dúas conferencias sobre os casos de UNVI e MRF

A Cátedra Empresa Familiar achega ao alumnado do campus a experiencia internacional de empresas ourensás

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 13/02/2026

A Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo organiza este mes de febreiro varias conferencias que teñen como obxectivo achegar de primeira man a experiencia internacional de empresas ourensás ao alumnado do campus. A primeira tivo lugar este xoves pola tarde na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e centrouse no caso de UNVI e a segunda será o día 19 e estará dedicada a MRF.

O título da conferencia celebrada onte foi A experiencia dunha empresa internacional: o caso UNVI. Foi ofrecida por Carlos Rivo, director xeral de UNVI, e presentada por Elena Rivo, directora da Cátedra Empresa Familiar que organiza o evento. Nela, o convidado expuxo a evolución e a aposta internacional desta empresa ourensá no eido dos autobuses eléctricos e de combustión, que actualmente ten presenza en máis de medio centenar de países de cinco continentes. A segunda actividade terá lugar o 19 de febreiro. Neste caso leva por título Mecanizados Rodríguez Fernández, unha perspectiva internacional e correrá a cargo de Ernesto Rodríguez Cuervo, CEO de MRF. Igualmente fará un repaso polo camiño da internacionalización realizado por esta empresa de deseño e fabricación de accesorios en aceiro e solucións para a carrocería industrial e outros sectores industriais, que actualmente está presente en máis de 40 países. 

As actividades contan co apoio da Facultade de Relacións Internacionais e da Vicerreitoría do Campus de Ourense-Campus Auga e están abertas ás persoas interesadas. Con elas dáse continuidade á programación da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, nada no ano 2005 e que ten entre os seus obxectivos a difusión, docencia e investigación da singularidade e retos das empresas familiares, tendo en conta a súa relevancia económica e a súa vinculación e compromiso coa contorna xeográfica e social.