Esta semana asinouse o convenio que revalida esta iniciativa por outros 4 anos

A Cátedra R en Ciberseguridade inicia nova etapa con máis apoio á promoción das tecnoloxías intelixentes nas empresas

O 70% da dotación económica destínase a bolsas e prácticas do alumnado

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
DUVI 13/11/2025

A Cátedra R en Ciberseguridade continúa a súa andaina logo do acordo revalidado esta semana polo reitores das univesidades de Vigo e Coruña, Manuel Reigosa e Ricardo Cao, e o director de R e de MasOrange en Galicia Alfredo Ramos. O convenio, por catro anos prorrogables, ratifica a colaboración de xeito conxunto das institucións académicas co operador galego no ámbito da seguridade dixital. 

Pioneira hai sete anos para avanzar en Ciberseguridade ao compás da dixitalización, a Cátedra R retoma os seus grandes obxectivos: captar talento TIC en informática, Intelixencia Artificial aplicada ao negocio e Ciberseguridade, sen esquecer os referentes da formación, investigación, transferencia tecnolóxica e divulgación. A maiores, a partires de agora porase tamén unha énfase especial no fomento da innovación en tecnoloxías intelixentes e en proxectos orientados á súa aplicación práctica no mundo da empresa.

Novas bolsas para proxectos TIC

Desde os seus inicios as prácticas curriculares e extracurriculares en R (do grupo MasOrange) foron un dos capítulos esenciais desta cátedra. De feito, un 70 % da dotación económica destínase a estas bolsas e prácticas, e o 30 % restante a actividades de visibilidade, divulgación e fortalecemento institucional. Trátase de bolsas anuais dirixidas ao alumnado, tanto de grao como de máster, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e da Facultade de Enxeñaría Informática da UdC, incluíndo a posibilidade da realización do Traballo de Fin de Grao ou de Fin de Máster (TFG ou TFM) en R. A idea é capacitar profesionalmente o alumnado facendo esas prácticas na empresa baixo a dirección e supervisión dun/a titor/a académico/a do centro onde realizan os seus estudos. 

Co fin de dar a saída a esta nova etapa, este mércores reuníronse nas oficinas de R o alumnado e o persoal titor da Cátedra R en Ciberseguridade para unha primeira toma de contacto acerca dos proxectos que van desenvolver nos vindeiros meses.

Premios e máis actividades e eventos pioneiros 

Ao fío do proxecto, hai uns días entregáronse na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela os premios da Cátedra R en Ciberseguridade, que destacaron traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster relacionados, por exemplo, coa vulnerabilidade dos dispositivos IoT, os sistemas de autenticación dixitais ou de acceso por radio aberta, etc. 

Son diferentes iniciativas que consolidan a Cátedra R como referente en Galicia, organizando eventos pioneiros como cybersec@gal e integrándose en ciber.gal a partir de 2021. Ademais, participa en obradoiros e iniciativas como Talento Ciber, XoveTIC, C3TF, CTFv2, JNIC e Hacking nivel MEGA, ou nas Olimpíadas Teleco e proxectos STEM Bach. Así mesmo, promóvense tamén retos de innovación, xornadas tecnolóxicas e publicacións científicas e divulgativas, afianzando unha alianza público-privada para adaptar o talento universitario ás necesidades reais das empresas e administracións.

7 anos de Cátedra R en cifras

Como cifras máis destacadas destes sete anos de Cátedra R en Ciberseguridade, destácanse os máis de 500 estudantes en actividades formativas e divulgativas; máis de 200 accións divulgativas (charlas, hackathons, mesas redondas); máis de15 premios académicos entregados (TFG, TFM, teses); 4 contratos indefinidos xerados a partir de prácticas curriculares; máis de 150 participantes na competición C3TF 2024; 265 estudantes nas Olimpíadas Teleco 2024 e máis de 200 estudantes STEM-Bach en actividades preuniversitarias