DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O libro ‘La dirección del entrenamiento y del partido en el fútbol y los deportes de equipo’

O catedrático Carlos Lago e o técnico do FC Barcelona Francisco Seirul-lo dan forma a un manual para planificar os adestramentos 

Xunto a outros aspectos, poñen o foco na preparación do seguinte partido

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/09/2021

O coñecemento científico do catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Carlos Lago e a experiencia profesional do que foi preparador físico do primeiro equipo de fútbol do FC Barcelona Francisco Seirul-lo combínanse no libro La dirección del entrenamiento y del partido en el fútbol y en los deportes de equipo. Co propósito de achegar aos adestradores unha serie de pautas e recomendacións que lles axuden no seu traballo diario, Lago e Seirul-lo deron forma a un manual que, ademais de afondar en como comunicarse ou motivar aos e ás deportistas, presenta no seu “capítulo máis novidoso”, como apunta Lago, un modelo de organización da semana de traballo dirixido a preparar adecuadamente o seguinte partido.

Reunir un conxunto de "orientacións e recursos prácticos” coas que técnicos de calquera deporte colectivo poidan “axudar aos seus xogadores a ser mellores, no adestramento e na competición”, é o obxectivo central deste libro, como destaca Lago, que elaborou a publicación xunto cun adestrador e preparador físico vinculado desde hai máis de 40 anos ao FC Barcelona. “Este manual é consecuencia dunha relación de máis de 20 anos”, engade o investigador do campus pontevedrés, que lembra nese senso “as estadías de investigación, financiadas pola UVigo”, que lle permitiron “compartir moitas horas con Seirul-lo dentro do club”.

Actual director de metodoloxía de adestramento do club barcelonés, co que Lago colabora tamén como asesor e impartindo seminarios, Seirul-lo foi durante unha década o preparador físico do primeiro equipo de fútbol, etapa na que traballou con adestradores como Cruyff ou Guardiola. “No ámbito do adestramento dos deportes colectivos, Paco Seriul-lo é unha das figuras máis respectadas, xa non só en España, senón no mundo”, destaca Lago. Nese senso, a publicación buscaba combinar “os 40 anos de intervención profesional” do que tamén foi preparador físico do equipo de balonmán do Barcelona e da selección española, coa investigación científica no ámbito dos deportes colectivos. “Penso que é un libro que mestura moi ben o coñecemento práctico co soportado pola ciencia”, engade o catedrático, que se responsabilizou do labor de revisión de publicacións científicas que, por exemplo, permitiron sumar ao manual referencias aos estudos máis recentes sobre neurofisioloxía. 

Un traballo coa semana como horizonte

Estruturado en sete capítulos, o libro dedica un dos seus apartados á organización da sesión de adestramento e outro ao deseño das tarefas, á vez que se detén, no seu capítulo máis extenso, en como preparar o próximo partido. “Non existía case ningún documento que permitise explicar a alguén como debe organizar a semana para preparar ben o partido seguinte”, salienta Lago, que lembra que a semana constitúe a “unidade de planificación nos deportes de equipo” e nela ten unha importante influencia o que aconteceu no encontro anterior. “O teu deseño semanal comeza polo que pasou no partido, que condiciona o que vas facer a semana seguinte”, salienta.

Coa idea de achegar “pautas concretas” aos adestradores, no volume presentan un modelo de traballo con cinco fases, que comeza pola análise do rival, o que abrangue desde a compilación de información, vídeos e estatísticas ao xeito de preparar o informe do opoñente. A segunda fase céntrase “en como debe ser a preparación do plan de partido”, dentro da que se inclúe tamén “como controlar a preparación psicolóxica dos xogadores”, explica Lago. A continuación ponse o foco na “preparación práctica” do encontro ao longo da semana, achegando unha serie de claves sobre a organización e distribución dos adestramentos. A cuarta fase pon o foco en “como debe ser a dirección do partido; antes, durante e despois”, incidindo tanto en como axudar aos xogadores a “focalizar a atención, a recordar que deben facer e axustar os seus niveis de activación”, como no xeito de “corrixirlles” durante o encontro ou a forma, unha vez concluído, de “axudarlles a que reflexionen sobre o que pasou no partido no sentido no que a ti che interesa”. Por último, a quinta fase céntrase na avaliación do encontro, tanto de cada deportista como do conxunto, e nas “consecuencias” que esta debería ter de cara á seguinte semana. 

Comunicar e motivar

“O libro pode ser útil a para calquera deporte de equipo, porque trátase de entender o traballo con persoas”, apunta Lago dun manual que centra o seu primeiro capítulo en como intercambiar información cos xogadores, para logo abordar tamén como motivalos, comunicarse con eles e captar a súa atención. “O principal aspecto dun bo adestrador é que sexa capaz de axudar a que os xogadores melloren, e iso ten que ver fundamentalmente co intercambio de información, con axudar aos deportistas con mensaxes que lles permitan identificar que é o máis importante, que lles permitan reflexionar sobre o que fixeron e porque lles saíu ben ou mal”, sinala este catedrático, que incide en que “cando un traballa con persoas é tan importante saber que dicir, saber moito do teu deporte para identificar que aspecto hai que modificar ou corrixir, como cando e como facelo”.