DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o World’s Top 2% Scientist, ranking elaborado pola Univesidade de Stanford e Elsevier

O catedrático David Posada volve liderar a lista dos 48 investigadores da UVigo máis citados do mundo

Atendendo aos datos de 2024, Jianbo Xiao foi o máis mencionado da institución olívica

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/10/2025

48 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo figuran entre os máis citados do mundo na edición 2025 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist elaborado pola Universidade de Stanford e Elsevier. O primeiro nesta listaxe, como ven sucedendo nos últimos anos, é David Posada, catedrático de Xenética e investigador do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, que ocupa o posto 780 do mundo e o posto 11 entre os mellores do mundo dentro da súa área de coñecemento. 

A base de datos da Universidade de Stanford analiza as e os investigadores máis influentes do mundo, é dicir, os que se atopan entre o 2% máis citados dentro da base de datos Scopus. O ránking establece dúas clasificación, unha na que se avalían as citas ao longo da carreira científica e outra que se centra no último ano, neste caso o 2024. Cada unha das táboas ofrece información estandarizada sobre citas dos artigos, índice H, índice HM axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, as e os científicos clasifícanse en 22 campos científicos e 174 subcampos segundo a clasificación estándar de Science-Metrix. Tamén se proporcionan percentís específicos de campo e subcampo para todos os científicos con polo menos cinco artigos. 

David Posada lidera a clasificación que atende a toda a carreira profesional

O catedrático David Posada é o científico máis citado da UVigo e ocupa o posto 780 do mundo con 77.368 citas (excluíndo autocitas) e o posto 840 se se inclúen as autocitas. A base de datos detalla que o investigador do CINBIO ten publicados 179 papers dende 1998 ata 2024 e conta cun índice H de 55 (excluíndo autocitas). Atendendo á clasificación estatal, Posada aparece no oitavo posto entre os investigadores españois máis citados, sendo o primeiro dentro da súa área de coñecemento, a Bioloxía Evolutiva. 

Tras Posada, o segundo científico máis citado da UVigo segundo esta clasificación é Jianbo Xiao, investigador do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) no posto 9440 do mundo, con 27360 citas excluíndo as propias e un índice H de 79. É o décimo segundo experto máis citado do mundo na súa área de coñecemento e o primeiro que aparece dunha institución española no eido da Nutrición. Conta con 648 papers publicados dende dende 2004 ata a actualidade. 

Tras el, e na mesma área de coñecemento, aparece neste ránking como terceiro docente máis citado da UVigo o catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía e investigador do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) Jesús Simal. Ocupa o posto 36.722 (38.959 se se inclúen as autocitas) e un índica H de 82. Na súa área de coñecemento, Ciencias da Alimentación, subcampo de Nutrición e Dietética, ocupa o posto 46 do mundo e o sétimo entre os investigadores españois. Simal conta con 701 papers publicados dende 1990 ata a actualidade e un total de 26.835 citas (sen autocitas). 

O terceiro investigador da UVigo máis influente segundo este ránking é o catedrático Ramón Hermida, director do Laboratorio de Bioenxeñería e Cronobioloxía e investigador do centro atlanTTic, que aparece no posto 45.797 con 8607 citas e 368 artigos publicados dende 1982 ata a actualidade. Dentro a súa área de coñecemento (sistema cardiovascular e hematoloxía) ocupa o posto 80 do mundo e o segundo en España.

Completa os cinco primeiros postos da UVigo nesta clasificación un investigador do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo, o catedrático Armando Caballero, do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía, no posto 50.564 do mundo e 6254 citas, que ademais se sitúa no posto 22 do mundo dentro do seu campo de traballo e no segundo a nivel estatal. 

A clasificación mundial está liderada por Zhong Lin Wang, da Chinese Academy of Sciences con 322.533 citas e 2836 papers publicados dende 1986 ata a actualidade.

Jianbo Xiao, o máis citado de 2024

O World’s Top 2% Scientist tamén inclúe unha clasificación das e dos científicos máis citados do último ano, listaxe que no caso da UVigo lidera o investigador Jianbo Xiao, no posto 771. Durante o 2024 os seus papers foron citados 7703 veces, excluíndo as autocitas. Ademais, dentro da súa área de coñecemento, Nutrición e Dietética, foi o terceiro máis citado do mundo o pasado ano.

Por detrás del figura na listaxe o catedrático David Posada, no posto 2074 do mundo con 3219 citas (excluíndo as autocitas) e no 5 posto mundial e 1 de España dentro da súa área de coñecemento. O terceiro docente da UVigo nesta listaxe é Carlos Lago-Peñas, catedrático do Departamento de Didácticas especiais, que ocupa o posto 14.190 con 812 citas, pero atendendo á súa área de coñecemento, sitúase como o terceiro máis citado do mundo e o primeiro máis citado dos españois nesta área o ano pasado.