O acto terá lugar o día 10 de xuño no campus de Ourense
O catedrático de Educación António Nóvoa será investido como 32º doutor honoris causa da Universidade de Vigo
Foi reitor da Universidade de Lisboa e embaixador de Portugal na Unesco
O día 10 de xuño, o catedrático de Educación António Manuel Seixas Sampaio da Nóvoa será investido no campus de Ourense como 32º doutor honoris causa da Universidade de Vigo. Con esta distinción recoñécese a súa dilatada traxectoria e contribucións no eido da Educación, especialmente na historia da Educación, ao longo dunha vida na que ten sido ademais reitor da Universidade de Lisboa, embaixador de Portugal na Unesco e candidato á presidencia do país veciño.
O solemne acto académico de investidura terá lugar ás 12.00 h no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico do campus de Ourense, presidido por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e coa asistencia de autoridades galegas e portuguesas, entre elas Luís Manuel dos Anjos Ferreira, reitor da Universidade de Lisboa. A concesión desta distinción foi aprobada polo Consello de Goberno da Universidade de Vigo o 25 de marzo de 2026, tras ser proposta polo Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa co aval doutros oito departamentos do ámbito xurídico-social da UVigo. Na súa aprobación entón Manuel Reigosa destacou que este nomeamento buscaba recoñecer o labor dun “gran defensor do ensino público, unha persoa que defende o público e o valor da educación”, pondo en valor unha “das traxectorias pedagóxicas máis brillantes do último medio século no mundo”. Coa súa incorporación ao Claustro honorario da UVigo, o reitor sinalaba daquela que “teremos con nós un dos maiores expertos mundiais no campo da educación comparada, da historia da profesión docente, e nas propostas de educación para o futuro”.
Xosé Manuel Cid, profesor de Historia da Educación da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense promotor da proposta, apunta neste senso que “António Nóvoa, aínda que deu moitas voltas ao mundo, forma parte da gran familia galego-portuguesa de historia da Educación. Unha familia científica que, como tal ciencia, préstase a múltiples lecturas, ollares e propostas para a transformación educativa, social e cultural”.
Recoñecemento a unha dilata traxectoria
Natural de Valença (Portugal), e con familia de orixes galegas por parte de pai, António Nóvoa viviu a infancia (1954-1964) no Alto Miño e a adolescencia en Oeiras (1964-71). En 1971 trasladouse a Coimbra para estudar Matemáticas, despois a Lisboa (para estudar Artes) e logo a Aveiro (1977-80), de onde parte cara Xenebra (Suíza) para a formación universitaria en Ciencias da Educación (1980-1986) e onde presenta a súa primeira tese. Así, como profesor e historiador da Educación formouse en Xenebra (doutorado en Educación en 1986) e Paris IV-Sorbonne (doutor en Historia en 2006). Con destino profesional na Universidade de Lisboa desde 1985 (catedrático desde 1996) e ata a súa xubilación en 2024, o homenaxeado visitou numerosos países para a súa formación e desenvolvemento profesional, estando en destacadas universidades, sobre todo en Francia, Brasil e Estados Unidos, pero sen deixar de lado as súas raíces na localidade raiana con Galicia.
En relación á súa traxectoria investigadora conta con máis dun cento de artigos publicados en revistas e outros tantos capítulos de libros, 37 libros, 70 prefacios, máis de 25 teses dirixidas e moitos traballos de mestrado en distintas universidades e países. Ademais, foi personaxe clave tamén no goberno da Universidade de Lisboa, da que foi vicerreitor e reitor, entre 2006 e 2013, e reitor honorario da mesma desde 2014. Foi tamén candidato á presidencia de Portugal por parte das esquerdas en 2016, embaixador de Portugal na Unesco (2018-2021) e membro do 'bureau' do seu consello executivo.
O nomeamento da UVigo súmase ao de doutor honoris causa das universidades lusas de Algarve (2015) e Lusófona de Humanidades e Tecnologias (2016) e das universidades brasileiras de Brasília (2015); Rio de Janeiro (2017); Federal de Santa Maria (2019) e São Paulo (2021). Ademais António Nóvoa é profesor honorario do Instituto Politécnico de Macao, na República Popular da China (2018). Xunto a estes recoñecementos, ten recibido diferentes condecoracións, como a Grã-Cruz da Ordem da Instrução Pública da República Portuguesa (2005), e distincións como ser membro académico correspondente da Academia Internacional da Cultura Portuguesa, desde 2015, e membro do Conselho de Estado, entre 2022 e 2024 .
