DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polo seu labor en pro da recuperación do cultivo da oliveira na comunidade autónoma

O catedrático da UVigo Jesús Simal, entre os premiados 2025 polo Galicia Fórum Gastronómico

O acto de entrega terá lugar este martes, ás 16.00 h, en ExpoCoruña

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 24/03/2025

A Coruña acolle estes días a celebración da décima edición do Galicia Fórum Gastronómico, cita de referencia en enogastronomía. Cada ano nela entréganse os seus Premios Picadillo, estando entre as persoas galardoadas neste 2025 o catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía e investigador do Grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1) da Universidade de Vigo Jesús Simal.

Estes premios, que serán entregados este martes ás 16.00 h na clausura da cita, en ExpoCoruña, queren recoñecer “o traballo que persoas de diversas disciplinas e oficios viñeron realizando en prol da gastronomía galega a través da súa traxectoria profesional á que a miúdo dedicaron a vida enteira”. Jesús Simal acadou o galardón na categoría Produtor, que recoñece “a mulleres e homes con oficios relacionados co mar e a terra que conseguiron crear produtos de prestixio para a gastronomía galega”. O galardón foille concedido concretamente “polo seu labor en pro da recuperación do cultivo da oliveira en Galicia”.

Do individual ao colectivo

Segundo explica Jesús Simal, o grupo AA1 traballa en varias liñas de investigación interdependientes. Por unha banda, está a valoración de co-produtos recuperando ingredientes de alto valora activo como antioxidantes e antiinflamatorios que preveñen moitos procesos dexenerativos patolóxicos. “Na mesma liña pretendemos recuperar variedades tradicionais de pouco uso como hortalizas e froitas galegas e do norte de Portugal, e as variedades Mansa e Brava de oliveira son tan só una delas, pero tal vez das que máis se falou en termos de divulgación e transferencia social”.

Por outra banda, engade o profesor da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, o AA1 tamén investiga na cadea de subministración de alimentos (produción, transformación, distribución e consumo, por exemplo) en aspectos de rastreabilidade para promover a autenticidade e seguridade alimentaria. “Poñemos o foco na compartición de datos para tratar de mellorar a calidade, xa sexa nutricional e o seu impacto no planeta, e baixar os custos dos alimentos”, afirma. Ademais, o catedrático detalla que “estamos transformando pratos tradicionais noutros igual de apetitosos, pero máis equilibrados nutricionalmente, máis sostibles e alcanzables”.

Todo este traballo, subliña Jesús Simal, “é un esforzo colectivo” polo que amosa o seu agradecemento ao grupo humano que o fai posible e que permite acadar recoñecementos como o deste martes. Agradecendo á comisión do Galicia Fórum Gastronómico o recoñecemento deste esforzo coa concesión deste premio, o profesor da UVigo quere estender o seu agradecemento á súa familia, que o acompañará na recollida do galardón, e “en especial á miña nai, a única muller da miña vida, e exemplo de fortaleza ante as adversidades, sempre cun espírito alentador”.