DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director de atlanTTic considérao “unha responsabilidade que espero afrontar adecuadamente”

O catedrático da UVigo Martín Llamas Nistal, novo presidente da IEEE Education Society

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 26/01/2023

Fundada en 1957 coa obxectivo de ser un líder global na educación da Enxeñaría, a IEEE Education Society conta cun novo presidente: o catedrático da Universidade de Vigo e director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal. Na votación realizada recentemente, a candidatura de Llamas foi elixida, fronte á outra alternativa, cos votos dos membros da xunta de goberno da sociedade, composta pola xunta directiva e unha ducia de representantes elixidos entre todos os membros da IEEE Education Society. “Ante todo é unha honra ser elixido polos meus compañeiros da Sociedade de Educación do IEEE como presidente, que implica recoñecer os meus méritos como investigador na educación da enxeñaría, e ter a súa confianza para dirixir a sociedade nestes dous anos”, explica o catedrático, que tamén destaca a “responsabilidade” do cargo, “que espero poder afrontar adecuadamente, acompañado por un equipo de relevantes investigadores internacionais no noso campo”, sinala.

Tanto no seu aspecto tecnolóxico, como no pedagóxico, a Sociedade promove conferencias de recoñecido prestixio (Frontiers in Education, EDUCON, TALLE, EDUNINE e LWMOOCS), nas que o persoal investigador pode presentar e discutir sobre os seus últimos traballos; así como a publicación de revistas de alta calidade como IEEE ACCESS-Sección Sociedade de Educación, Transactions on Education, Transactions on Learning Technologies (as tres incluídas no JCR) e RITA (proximamente no JCR), “onde os investigadores poden publicar os seus traballos máis maduros e cunha calidade máis contrastada”, explica Martín Llamas. Estes dous medios, ademais doutros como a celebración de congresos, actividades técnicas ou premios, contribúen en alta medida, segundo o novo presidente da IEEE Education Society, a proporcionar a todos os axentes involucrados na educación os métodos e tecnoloxías máis avanzados para a educación na enxeñaría. 

Manter e incrementar o nivel de excelencia 

Martín Llamas afronta a presidencia da IEEE Education Society co obxectivo fundamental de “manter e incrementar o noso nivel de excelencia como sociedade do IEEE en aras dun mellor ensino da enxeñería”. O catedrático da UVigo lembra que durante os dous últimos anos se realizou un gran traballo deseñando o plan estratéxico para os próximos anos, “que durante o meu mandato pretendo executar, así como adecualo, se fai falta, ás novas necesidades que vaian xurdindo”, asegura.

Fomentar a cooperación no ensino da enxeñaría coas demais sociedade do IEEE e outras institucións e promover e incrementar os beneficios dos membros da sociedade, “mellorando as nosas publicacións, conferencias e as actividades dos capítulos, que son o nexo máis próximo aos nosos membros, e principalmente aos estudantes”, son segundo Martín Llamas os obxectivos máis importantes durante o seu mandato, “todo iso para mellorar o nivel de excelencia da enxeñería a nivel internacional”, afirma.