DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acollerá en outubro unha nova edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil

Catro conferencias para facer un mundo máis sostible a través da lectura

A cita contará coa participación de escritoras e escritores con obras relacionadas con esta temática

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 29/09/2021

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá durante o mes de outubro unha nova edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil, que nesta ocasión leva por lema Para ler (n)un mundo sustentábel. Ao longo de catro sesións, futuras mestras e mestres terán a oportunidade de dialogar con creadoras e creadores sobre a súa obra, centrándose nesta ocasión en como nelas se plasma o compromiso por acadar un mundo mellor.

A actividade, que celebra a súa sétima edición, está organiza como en anteriores ocasión pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo Isabel Mociño, contando co apoio das profesoras Verónica Pousada e Eulalia Agrelo. Para a súa realización, o ciclo volve a ter o apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense, da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, que colabora con esta actividade ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Segundo explica Isabel Mociño, o ciclo “mantén o seu obxectivo de ofertar unha actividade formativa que complemente as carencias que se observan no curriculum formativo de mestras e mestres, propiciando o seu primeiro contacto con autoras e autores de libros cos que logo van a traballar nas aulas”. Este contacto directo e a oportunidade que supón para o alumnado coñecer de boca de creadoras e creadores o proceso creativo supón, apunta a coordinadora da iniciativa, un “enriquecemento moi importante” que lle abre ao alumnado a porta para “aproximarse aos libros con outros ollos”.

Nesta sétima edición, a temática elixida, indica Isabel Mociño, é a sostibilidade, tendo en conta “a situación que vivimos a nivel de crise climática e pandemia e a necesidade de repensar a relación co medio no que vivimos, e coa natureza en particular”. Deste xeito, engade, as e os autores que intervirán no ciclo “caracterízanse por recoller nas súas obras esta preocupación, por reflexionar dalgún xeito arredor da relación do ser humano co mundo, unha relación por veces moi desequilibrada, xa que estamos levando ao límite o uso que facemos dos recursos que nos rodean”.

Múltiples olladas

O ciclo arrancará o día 6 de outubro coa conferencia de Xabier Domínguez e Alba de Evan Gozar e aprender. Salvar o mundo a través da LIX. A súa intervención, explican desde a organización da actividade, permitirá “achegarse ao vínculo entre a docencia e a creatividade” xa que, indican, Xabier Domínguez e Alba de Evan son mestres de Educación Primaria e autores que “dalgún xeito recrean a conexión co noso contexto máis próximo, como por exemplo cun serie de libros que teñen protagonizada por un ourizo que vive na serra de Manzaneda”. Nas súas obras, engaden, “teñen moi presente a parte didáctica e educativa”.

O mércores 13 de outubro será a quenda do escritor Ramón Caride, que falará sobre Onde sustentamos as nosas ficcións? (Ciencia, tradición e actualidade na miña obra). Caride, indican desde o ciclo, “é un dos autores clásicos da literatura infantil e xuvenil galega”. Biólogo e docente xa xubilado, sinalan, “foi un dos primeiros que nos anos 90 fixo obras narrativas onde abordaba ese mundo futurista de destrución”. É ademais, engaden, un autor “comprometido coa desigualdade no mundo e coas diferentes infancias que hai no mundo froito desa desigualdade”, preocupación tamén recollida na súa obra.

Tamén se achegará ao campus de Ourense a filóloga e escritora Andrea Maceiras o día 20 de outubro para falar de Palabras para o mundo verde. Dela, a organización do ciclo destaca que “a pesar de ser unha escritora moi nova ten recibido numerosos premios de literatura infantil e xuvenil, tanto a nivel galego como estatal”. Na súa traxectoria, indican, inclúense “obras futuristas, distópicas, onde se ve tamén o compromiso da autora coa natureza e co mundo”.

Por último, a programación pecharase o 27 de outubro cunha intervención do ilustrador Federico Fernández titulada Tecnoloxía arcaica. Ao igual que as edicións anteriores do ciclo, a iniciativa rematará este ano coa intervención dun ilustrador, co obxectivo de enriquecer a ollada do público sobre a literatura infantil e xuvenil abordando tamén a parte visual, unha parte moi relevante das obras dirixidas aos rapaces e rapazas. Deste relator, desde a organización comentan que na súa obra tamén ten un protagonismo salientable o mundo tecnolóxico e o seu papel no mundo.