DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes representarán á UVigo na fase final do programa Líderes Digitales Universitarios

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 05/10/2026

A Universidade de Vigo estará representada por catro estudantes na fase final da segunda edición do programa Líderes Digitales Universitarios, unha iniciativa promovida por Telefónica España, a través da súa Rede de Cátedras, que celebra este ano o seu 25 aniversario, e está orientada a recoñecer, impulsar e dar visibilidade ao talento universitario no ámbito do liderado dixital.

A fase final, que se celebra os días 29 e 30 de outubro de 2026 nas dependencias de Telefónica en Madrid, reunirá os catro seleccionados de cada universidade participante. No caso da UVigo serán tres alumnos da Escola Enxeñaría Informática e un da escola da EE de Minas e Enerxía: Pablo Alonso, estudante de Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos; Alberto Nóvoa, que cursa o mestrado e n Enxeñaría Informática; e Darío López e Sami Darwich Alkharat, ambos do dobre grao en Intelixencia Artificial e Enxeñaría.

Os catro mantiveron este luns un encontro coa reitora, Carmen García Mateo, que os felicitou pola súa clasificación e puxo en valor a colaboración a participación da UVigo na Rede de Cátedras Telefónica. Xunto cos catro mozos, participaron nesta xuntanza o director da Cátedra Telefónica da UVigo, o profesor Jose Cidrás; o profesor coordinador do programa na UVigo, Javier Rodeiro; o director Territorial de Telefónica, Manuel Ángel Alonso; a xefa de RRII e Innovación Territorial Telefónica, Ana Flores e a responsable de RRII e Innovación T. Norte, Esther Durán. Tanto os dous docentes da UVigo como o responsable territorial de Telefónica recalcaron o potencial e preparación do alumnado das escolas de enxeñaría da UVigo, “que se ten demostrado en edicións previas”, así como a súa motivación. “Tecnoloxicamente a Universidade de Vigo está moi preparada e ten unhas titulacións moi potentes que nos permiten competir con calquera de Galicia e de fóra de Galicia”, subliñaba Javier Rodeiro. 

Preto dun cento de participantes

Líderes Digitales selecciona estudantes de grao e mestrado nas 23 institucións académicas que integran a Rede de Cátedras Telefónica, a maior rede de colaboración universidade-empresa de España. O participantes foron avaliados mediante probas deseñadas en colaboración con distintas áreas de Telefónica, articuladas arredor de tres dimensións: as competencias dixitais avanzadas (hard skills), as habilidades de liderado e comunicación (soft skills) e o coñecemento da contorna empresarial.

O programa arrancou en setembro coa fase inicial de selección de estudantes en cada universidade, da que saíron estes tres estudantes que participarán na final en Madrid a finais deste mes. Na xornada final, as e os participantes competirán de xeito individual ante un xurado cualificado, enfrontándose a retos de maior esixencia que porán a proba o conxunto das súas capacidades. Outorgaranse sete galardóns dotados cun total de 11.500 euros que, sumados aos recoñecementos da fase inicial, fai que esta competición alcance a cifra de 23.000 euros en premios.

En total, nesta edición participarán preto dun cento de estudantes previamente seleccionados, xunto con profesorado universitario e profesionais de Telefónica. A prosposta é que as e os participantes reflexionen sobre o impacto da intelixencia artificial na competitividade das contornas urbanss, arredor da siguiente pregunta: unha smart city sen IA seguirá sendo competitiva nos próximos anos?

A rede de cátedras, un instrumento estratéxico

Con máis de vinte cinco anos de traxectoria, a Rede de Cátedras Telefónica constitúe un instrumento estratéxico para fomentar a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento no ámbito tecnolóxico, contribuíndo activamente ao desenvolvemento da sociedade dixital e ao fortalecemento da colaboración entre a universidade, a empresa e as institucións públicas. A Universidade de Vigo uniuse a esta rede en 2013 e, dende ese intre, foron múltiples as actividades que se desenvolven nos campus, como a competición HackforGood, programas de conferencias e talleres ou o fomento da participación do alumnado en iniciativas como o Torneo Ledu Stem Cátedras Telefónica.