DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os xoves de outubro na Facultade de CC Xurídicas e do Traballo

Catro miradas expertas para achegarse á realidade do dereito concursal

Con Amelia María Pérez Mosteiro, Blanca Torrubia, Marta López e Lara Graña

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Visitas
  • Académica
B. Besadío DUVI 05/10/2026

Como funciona realmente un concurso de acredores? Que papel desempeña cada un dos profesionais que interveñen no proceso? Que oportunidades laborais ofrece unha especialidade cada vez máis presente no ámbito do Dereito Mercantil? Estas son algunhas das cuestións ás que darán resposta os III Encontros con profesionais do dereito concursal, que durante catro xornadas de outubro achegarán ao alumnado da Universidade de Vigo a práctica diaria desta rama xurídica.

A proposta, que se desenvolverá os días 8, 15, 22 e 29 de outubro no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, reúne catro voces procedentes de ámbitos diferentes: o xudicial, o académico, a avogacía e a administración concursal e o xornalismo. Un itinerario que, como explican desde a coordinación, segue “en certo modo, o percorrido do propio concurso de acredores” e permite coñecer a materia desde as distintas posicións das persoas que participan nela.

A actividade desenvólvese no marco da materia optativa de Dereito concursal, pero está aberta ao alumnado das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Ciencias Económicas e Empresariais e ás persoas interesadas en xeral. A participación é libre e gratuíta e, ademais de achegar o alumnado á práctica profesional, os encontros pretenden afondar na recente reforma da Lei Concursal e dar a coñecer as saídas profesionais relacionadas con esta rama do Dereito.

As xornadas arrancan este mesmo xoves

O programa comezará este mesmo xoves, 8 de outubro, ás 18.30 horas, coa inauguración a cargo de Sara Louredo Casado, directora dos encontros e profesora axudante doutora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo. A continuación, Amelia María Pérez Mosteiro, xuíza titular do Xulgado do Mercantil n.º 3 de Vigo, ofrecerá o primeiro encontro, titulado O proceso xudicial do concurso de acredores: unha visión xeral.

Unha semana despois, o 15 de outubro, será a quenda de Blanca Torrubia Chalmeta, profesora agregada de Dereito Mercantil da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), que abordará A declaración de concurso. O 22 de outubro, Marta López López, avogada en ADV Grupo e administradora concursal, centrarase na figura do administrador concursal.

A última sesión, o 29 de outubro, cambiará de perspectiva para achegarse ao tratamento desta realidade desde os medios de comunicación. Lara Graña Prieto, xornalista do Faro de Vigo, falará sobre O concurso de acredores desde unha perspectiva xornalística. A xornada rematará coa clausura e a entrega de diplomas de asistencia, ás 19.30 horas.

“Deste xeito, o alumnado pode achegarse á materia dende as distintas posicións que ocupan os operadores xurídicos que interveñen nela”, explican desde a coordinación. Unha aproximación que pretende “amosar como funciona o dereito concursal na práctica profesional e cales son as saídas laborais que ofrece”.

Unha visión desde o xulgado, a universidade, a profesión e os medios

A combinación de perfís é precisamente unha das características desta terceira edición. O cadro de poñentes reúne experiencia xudicial, académica, profesional e xornalística, o que permite abordar o dereito concursal desde perspectivas complementarias e achegar o alumnado aos diferentes papeis que poden desempeñar os profesionais vinculados a esta especialidade.

“Trátase de catro profesionais de recoñecida traxectoria nos seus respectivos ámbitos”, sinalan desde a organización. As catro poñentes son, ademais, mulleres, unha circunstancia que non foi un criterio de selección pero que a coordinación considera relevante poñer de relevo nunha área profesional tradicionalmente masculinizada.

Os III Encontros están dirixidos por Sara Louredo Casado e coordinados por Ignacio Antonio Labra Saldías, profesor visitante de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, e Ana María Aido Vázquez, investigadora predoutoral de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo.

A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do correo electrónico anamaria.aido@uvigo.gal. As persoas participantes que o soliciten recibirán un diploma de asistencia.