DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade está dirixida polos catedráticos Anxo Tato e Jaime Cabeza

CC Xurídicas pon en marcha un ciclo de seminarios prácticos sobre Dereito Mercantil e Laboral

Arrancaron este venres cun taller sobre a responsabilidade dos administradores das sociedades de cap

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 09/04/2021

Unha trintena de estudantes das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de CC Económicas e Empresariais están a participar desde este venres no I Ciclo de seminarios prácticos de Dereito Mercantil e Laboral, unha iniciativa dirixida polos catedráticos Anxo Tato e Jaime Cabeza  coa que se busca achegar, da man de profesionais de recoñecido prestixio, ao alumnado que está a piques de titularse e persoas interesadas en xeral cuestións relevantes nas que conflúen ambas disciplinas.

Celebraranse en total tres seminarios,  podendo seguirse de xeito presencial na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ou de xeito virtual a través do Campus Remoto. “Alén dunha explicación teórica de quince minutos introducindo o tema, a idea é que os poñentes formulen casos prácticos sobre os que poidan traballar os asistentes para, xa ao final, corrixir e pór en común as diferentes ideas adoptadas”, explica o profesor Pablo Fernández Carballo-Calero, coordinador da actividade xunto con Julio Costas, ao que engade que todos os poñentes que se van facer cargo dos talleres son “persoas de prestixio no ámbito académico e profesional que destacan polas súas publicacións ou experiencia nestes temas”.

Talleres que preparan ao alumnado para a unha vida profesional que comezará en breve

Este venres a temática do seminario xirou en torno á responsabilidade dos administradores das sociedades de capital e correu a cargo de Guillermo Velasco, profesor titular de Dereito Mercantil de CUNEF, un centro privado especializado en Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito e Finanzas, adscrito á Universidad Complutense de Madrid. “No grao os estudantes obteñen unha formación teórica e, grazas a este tipo de seminarios, poden aplicar ese coñecemento, a través de un caso real e práctico”, explicou o docente de CUNEF, quen destacou a importancia de que o alumnado poida ver como se enfocan estas cuestións “desde a realidade, pois este será o mellor xeito de que no futuro poidan asesorar aos seus posibles clientes,  administradores que precisan asesoramento sobre como poden redesempeñar o seu traballo cumprindo a lei e os estatutos societarios”.

Afondaron na responsabilidade dos administradores tendo en conta tres aspectos fundamentais: a responsabilidade societaria, nas súas dúas vertentes, acción social e acción individual, e na responsabilidade concursal, é dicir, en caso de concurso, a antiga creba ou suspensión de pagos, que debe facer un administrador para cumprir as normas e non verse inmerso nunha esixencia de responsabilidade. “Este é un tema de gran actualidade e unha das máximas preocupacións dos administradores, pois necesitan asesoramento sobre que pode pasar cando toman decisións empresariais que lles poden afectar a eles en réxime de responsabilidade societaria e concursal”, recalcou Velasco.

Os seminarios prolongaranse ata finais de abril

A seguinte cita deste ciclo de seminarios será o venres 23 e nela afondarase no réxime xurídico das intervencións laborais na Lei de Patentes (titularidade, deber de comunicación da invención, remuneración...). Para isto contarase coa participación de Rosalía Estupiñán, profesora de la Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. Os talleres rematarán o día 30 cunha sesión sobre as modificacións estruturais nas sociedades de capital e as súas consecuencias no ámbito laboral, tratando de dar resposta a como afecta aos traballadores dunha empresa un proceso de fusión, absorción ou escisión, cuestións que se encargará de explicar Carlos Borrajo, senior manager de EY Abogados Galicia. 

Esta actividade está organizada polo grupo de investigación Dereito Mercantil e do Traballo, recoñecido como Grupo de Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia, e conta cun comité científico do que forman parte docentes das universidades da Coruña e Santiago de Compostela, as madrileñas de Alcalá de Henares e Complutense, xunto coas de Valencia e Oviedo.