DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación, entre outros, do prestixioso economista Antón Costas

CC Xurídicas e do Traballo organiza unha xornada para debater arredor do dilema entre saúde e economía provocado polo coronavirus

A charla será este mércores ás 16.00 horas e poderá seguirse en directo no Campus Remoto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Cultura
DUVI 10/11/2020

Segundo o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas do pasado mes outubro os perigos para a saúde da covid-19 e a falla de recursos suficientes para facerlle fronte á pandemia constitúen o primeiro problema que existe na actualidade para o 24,7% dos españois. Moi conscientes desta realidade desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizaron para este mércores a Xornada Covid-19: economía vs. saúde, o delicado equilibrio, un lugar de encontro que “xurde da inquedanza  que pode ter calquera no contexto actual, cun escenario inédito e unha incerteza enorme”, explica o profesor e vicedecano José Carlos Orge, que será o encargado de moderar un debate que achegará a tripla visión dun economista, un filósofo e un doutor. A xornada celebrarase mañá mércores día 11 ás 16.00 horas con acceso libre a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo e é non precisa inscrición previa.

Para o decano da facultade, o profesor da Área de Dereito Mercantil Francisco Torres, que será o encargado de presentar a xornada,  “a incerteza resólvese con información e debate e para iso a Universidade debe de ser un referente social”. Estas actividades teñen que servir para que a comunidade universitaria reflexione e desenvolva o seu pensamento crítico e, neste senso, a pandemia ofrece unha oportunidade única para debater entre dúas cuestións prioritarias: economía e saúde. 

Coa participación dun economista, un doutor e un filósofo

Para abordar estas temáticas contarán coa participación de tres relatores de excepción. Dunha banda, un dos economistas máis influentes do panorama español, o vigués Antón Costas, quen ao longo da súa dilatada traxectoria profesional leva, a xuízo dos organizadores,  demostrado unha gran sensibilidade humanística. “Costas sempre puxo ao ser humano no centro das súas teorías e dos seus estudos, algo que se agradece, especialmente nestes momentos”, recalca José Carlos Orge. Acompañarano no debate o filósofo e escritor Guillermo Ortiz, “profesional que dende o principio da pandemia dedicouse a analizar os datos e a intrepretalos de xeito apaixoado e que pensamos que era a bisagra perfecta entre o coñecemento económico e o saber sanitario”. En representación dese “saber sanitario” intervirá o doutor especialista en medicina do traballo, Gabriel Touriz. “Neste caso entendemos que para ilustrar a situación sanitaria que a covid-19 está a provocar era necesario contar cun profesional solvente, con capacidade divulgativa e que coñecera os efectos da pandemia na nosa contorna máis cercana, tanto a nivel provincial como no propio ámbito da Universidade”, recalca o vicedecano.

“Un conflito verdadeiramente diabólico”

A dicotomía entre saúde e economía é, a xuízo dos organizadores desta xornada, “un conflito verdadeiramente diabólico”. “A covid mata. Mata de xeito directo e está a matar tamén de xeito indirecto”, salienta Orge, facendo así referencia ás múltiples patoloxías que non están a ser atendidas axeitadamente porque a covid-19 está a absorber demasiados recursos da sanidade. “Pero a economía, ou mellor, a falla de economía, provoca efectos terribles na sociedade, tamén sanitarios. Se nos poñemos drásticos, a falla de economía pode conlevar a morte por fame, por frío...”, recalca o moderador. Todos estes temas serán pois parte dos vimbios cos que se vai tecer o debate deste mércores.

A celebración desta xornada enmarcase na Aula de Formación Legal da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, “un espazo no que teñen cabida actividades formativas e de divulgación multidisciplinares e orientadas a visibilizar o noso centro”, recalca o decano.