DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este curso de verán celebrarase en Celanova do 28 de xuño ao 1 de xullo

O CeMAC volve á palestra para “deconstruír o audiovisual galego actual”

Nel abordaranse as últimas producións gravadas en Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 16/06/2022

Cinema no bisturí. Deconstruíndo o audiovisual galego actual é o título escollido para o XVIII Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2022), organizado no marco da programación de extensión universitaria do campus de Ourense e que terá lugar do 28 de xuño ao 1 de xullo. Nel abordaranse as últimas producións do audiovisual galego, dando protagonismo ás pezas gravadas en Ourense no último ano e ás curtametraxes feitas pola “canteira” da Universidade de Vigo en 2021.

A iniciativa, dirixida polos profesores da UVigo Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, foi presentada este xoves na Deputación de Ourense por representantes das entidades implicadas, estando Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Esther de Blas, vicerreitora en funcións do campus de Ourense; Paulino Pérez, co-director do CeMAC; Jacobo Sutil, director de AGADIC; Antonio Puga, alcalde de Celanova, e Pablo Pérez, deputado provincial. “Na oferta histórica do CeMAC, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, sustanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores”, sinalan desde a súa organización. O CeMAC 2022, indican, centrarase en coñecer e analizar as singularidades da ficción en formato filme a través de exemplos específicos e de éxito no audiovisual. Igualmente, engaden, analizaranse outros formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo, e os pasos que se están a tomar para a súa normalización á marxe de soportes e formatos.

Coñecer as producións de mans dos seus equipos

No curso participarán nas mesas profesionais de diferentes áreas (fotografía, música, guión…) e tamén perfís profesionais das industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación. O primeiro día, o protagonismo será para a canteira da UVigo, abranguendo producións feitas en 2021, como son as curtametraxes Versos Post-Mortem; Dúas cores; Paco; O niño do paxaro; 30 ́ 70 60 120 ́; e O que queda de nós. Xa o mércores, o curso estará dedicado á longametraxe Código emperador, analizando esta obra en detalle diferentes membros do seu equipo. O xoves, o foco trasladarase a producións rodadas en Ourense en 2022, como as longametraxes O Home e o can; La manzana de oro; O corpo aberto e Honeymoon.

Por último, ao abeiro deste curso, de 30 horas de duración, desenvolverase, por undécimo ano consecutivo, o Taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, baixo a dirección de Paulino Pérez. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. Os seus froitos exporanse o venres, na sesión de peche, sesión na que tamén se falará da distribución de curtametraxes e das academias do sector, contando coa participación de Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e Fernando Méndez, director da Academia del Cine.

Matrícula aberta

A matrícula do curso, que se realiza de xeito virtual a través do Campus Activo da UVigo, está aberta ata o 27 de xuño para as persoas interesadas, tanto membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela. Concederanse dous créditos de libre configuración ou 1 crédito ECTS. O número de prazas ascende a 50 e o prezo de matrícula depende do colectivo de pertenza, abranguendo desde os 19,5 euros ata os 30. Ponse a disposición das persoas interesadas un transporte que percorrerá os campus de Vigo, Pontevedra e Ourense, con parada final en Celanova o día 28 de xuño e un transporte similar de regreso o día 1 de xullo. O Concello de Celanova ofrece aloxamento gratuíto ás persoas matriculadas no albergue municipal.