DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Escrito pola exdirectora do centro María del Pilar López Vidal

Cen anos de historia resumidos nun libro cheo de fotos, testemuñas e anécdotas da EUE de Empresariais

A presentación da obra contou coa participación de Manuel Reigosa , Abel Caballero e Consuelo Currás

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/06/2021

Fotografías, documentos, testemuñas, anécdotas, actividades culturais, visitas, festas… Estes son só algúns dos tesouros que se poden atopar no libro El arte de vivir 100 años. De Escuela de Comercio a Empresariales, unha obra escrita pola profesora Mª del Pilar López Vidal a modo de anuario, un longo percorrido histórico que parte da Escola Pericial de Comercio en 1920 e chega ata a actualidade , intre no que a Escola Universitaria de Estudos Empresariais celebra o seu centenario e, no que, ademais, está a piques de emprender unha nova etapa, bautizada xa como Facultade de Comercio.

Editado polo Instituto de Estudos Vigueses, a presentación do libro reuniu este martes no salón de actos da escola a algúns dos rostros que protagonizaron esta longa traxectoria, desde profesores e profesoras que impartiron docencia nas súas aulas ata ex-alumnos e alumnas que hoxe son profesionais de éxito, pasando polo reitor, Manuel Reigosa; o concelleiro de Orzamentos e Facenda, Jaime Aneiros; a actual directora do centro, Consuelo Currás, ou o presidente do Instituto de Estudos Vigueses, Xoán Carlos Abad Gallego. Todos quixeron arroupar á autora da obra, historia viva da escola, centro do que foi directora desde 1993 ao 2000 e no que desenvolveu toda a súa carreira profesional.

“A escola viviu intensamente todos e cada un destes 100 anos”

“A escola viviu intensamente todos e cada un destes 100 anos”, explica a docente, xa xubilada, quen fixo fincapé en que o centro naceu a petición dos empresarios aglutinados en torno á Cámara de Comercio e do Concello de Vigo, porque se necesitaban profesionais para a dirección e xestión das súas empresas e, dende entón, “sempre foi fiel a ese compromiso”. Deste século de historia destaca tamén o interese que desde os seus inicios amosou o centro por estar en contacto continuo co tecido empresarial e incrementar cada ano as prácticas do alumnado nas empresas. “Ao mesmo tempo, é importante lembrar que a escola se adiantou aos tempos e xa en 1926 enviou aos primeiros alumnos a Francia. Desde entón, os intercambios internacionais son unha constante, tendo sido pioneira coa sinatura de convenios de dobre titulación no ano 2000, dous deles aínda vixentes”, explica a autora da obra.

Nesta traxectoria, destacou tamén as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que xa foron coñecidas polo alumnado do centro nos anos 60, quen, posteriormente, as levaron as empresas ás que se foron incorporando. “Pódese afirmar que nestes anos desenvolveuse unha cultura de centro caracterizada por un trato moi próximo ao seu alumnado; a súa forte relación co tecido social e empresarial da cidade; unha visión práctica da ensinanza; o estudo de idiomas especializados e, finalmente, sendo pioneiros na ensinanza das novas TICs aplicadas”, explica López Vidal, ao que engadiu que todo isto pon de manifesto “a súa capacidade de adaptación ante a evolución empresarial”.

Preto de 400 páxinas cheas de historia

Prologado por Ceferino de Blas, cronista oficial de Vigo e membro do Instituto de Estudos Vigueses, e pola directora da escola, Consuelo Currás, o libro está estruturado como un anuario da traxectoria do centro, agrupado en capítulos vinculados ás distintas denominacións da escola e as titulacións impartidas. A viaxe iníciase no ano 1920 como Escola de Comercio (1920-1932) e foi elevada a Escuela Profesional de Comercio (1932-1972), “en ambos casos a petición do Concello, da Cámara de Comercio, dos empresarios e da propia sociedade viguesa”, recalca a autora. As titulacións eran naquel intre Peritaxe e profesorado mercantil e “durante 52 anos foi o único centro de Vigo que formaba profesionais para a dirección e xestión das puxantes empresas do Sur de Galicia”.

En 1972 transformouse en Escola Universitaria de Estudos Empresariais onde se impartía a Diplomatura en Ciencias Empresariais ata a súa progresiva extinción ao ser substituída polo Grao en Comercio (2010) que se imparte actualmente, xunto cos mestrados de Comercio Internacional e Dirección de Pequenas e Medianas Empresas. En total, preto de 400 páxinas cheas de historias, moitos feitos relevantes da vida social e cultural dunha cidade, que tivo e ten neste centro, tal e como se lembrou no acto de presentación do libro, un dos seus principais referentes formativos.

Dous anos de intenso traballo só limitado polo confinamento

Esta non é primeira vez que a profesora López Vidal asume a tarefa de resumir a historia do centro, xa acometera este labor a raíz da celebración dos 75 anos coa obra Estudios Mercantiles y Empresariales en Vigo (1920-2000). “A idea de escribir este novo libro foi da actual directora, Consuelo Currás, que non deixou de animarme a emprender este novo reto”, explica a autora, ao que engade que se puxo mans a obra hai xa dous anos, unha ardua tarefa que a levou a mergullarse en diferentes arquivos (Faro de Vigo, Galiciana...) e que se viu limitada polo confinamento, “se ben grazas ás novas tecnoloxías puiden continuar, e este é o resultado”.