DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nel formáronse unha vintena de integrantes das forzas armadas e corpos de seguridade

O Centro Universitario da Defensa acolle a clausura do Curso de Dirección e Xestión de STIC e Seguridade da Información

Completado cunha conferencia sobre a información como “recurso estratéxico”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Institucional
DUVI Pontevedra 26/01/2023

O Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar (CUD-ENM), adscrito á UVigo, acolleu este xoves o acto de clausura do V Curso de Xestión e Dirección de STIC e Seguridade da Información, promovido polo Ministerio de Defensa, dentro do que se insire o Máster en Dirección TIC para a Defensa, que se imparte no centro con sede en Marín. Unha vintena de novos titulados e tituladas, pertencentes tanto ás forzas armadas como aos corpos e forzas de seguridade do Estado, recibiron os seus diplomas nun acto que abriu unha conferencia do director Centro de Sistemas y Tecnologías de la Información  y las Comunicaciones (Cestic), o tenente xeneral José María Millán Martínez, centrada no valor da información como “un recurso estratéxico do Ministerio de Defensa”.

Desenvolvido no salón de actos da ENM, este acto de clausura foi presidido por Millán Martínez e contou coas intervencións do subdirector xeral de Enseñanza Militar, o xeneral de brigada Juan Manuel Sánchez Aldao; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón; o director do CUD-ENM, o capitán de navío José María Martín Davila, e o director da Escola Naval, o capitán de navío Pedro Cardona. O acto, no que participou tamén o vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, Alfonso Lago, contou así mesmo coa asistencia de autoridades civís e militares e de representantes de diferentes empresas do sector tecnolóxico galego. 

Como lembran desde o CUD, entre os novos titulados e tituladas deste curso, no que se insire a segunda edición do mestrado, figura persoal dos tres exércitos, así como membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, que, entre outras competencias, fórmanse na planificación e deseño de servizos de telecomunicación e redes ou en actividades de inspección da seguridade da información. Nese senso, a vicerreitora do campus trasladou “en nome de toda a Universidade” a súa felicitación ao alumnado que completaba esta formación, que inclúe tamén un período de prácticas, aos que lembrou que “o éxito é perseguir aquilo que queremos conseguir con constancia, decisión, ética e honestidade”. O acto completouse coa intervención da coordinadora do mestrado, Milagros Fernández, quen recalcou o “bo desenvolvemento e resultados do curso” e coa entrega dunha mención especial a José Luís Martínez Leiva como alumno máis destacado.