DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Procedentes de Indonesia, Filipinas, Malasia, India, Yemen e China

Chega ao campus un novo grupo de alumnado asiático para participar na 5ª edición de Campus Spain

Realizarán no Centro de Linguas un curso de español de 750 horas de duración

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI 05/10/2020

Nun curso marcado pola pandemia da covid-19 e no que o medo a novos confinamentos frea en moitos casos os desexos dos estudantes de realizar estancias internacionais, o campus de Vigo deu este luns a benvida a un grupo de 16 mozas e mozos asiáticos que permanecerán na cidade ata o vindeiro mes de xullo. Son os integrantes da 5ª edición de Campus Spain, un proxecto centrado na promoción de España como destino educativo e en labores de asesoramento a alumnado internacional, tanto na xestión de visados como de permisos de estancia ou a admisión en universidades españolas.

Nesta ocasión os estudantes proceden de Indonesia, Filipinas, Malasia, India, Yemen e China e hoxe tiveron o seu primeiro contacto co campus nunha xornada de benvida que incluíu unha presentación do curso, celebrada na sala 1 de Miralles, e un pequeno paseo para coñecer as diferentes instalacións universitarias. Encargáronse de darlles a benvida a técnica de Captación de Alumnado da Universidade de Vigo, Ana Caamaño, que os informou sobre os servizos, a oferta cultural, deportiva e de extensión universitaria da Universidade de Vigo, así como Mercedes Álvarez e Ángeles Tomé, do Centro de Linguas, e Gonzalo Martínez e Gosia Kozyra, de Campus Spain.

Durante a súa estancia en Vigo realizarán no Centro de Linguas un curso de español de 750 horas de duración, entre presencialidade e actividades complementarias, que lles permitirá pórse ao día co idioma e a cultura española de cara ao curso que vén poder continuar os seus estudos universitarios nalgunha universidade deste país. Trátase de toda unha serie de actividades pensadas para alumnado internacional que teña máis de 16 anos e que desexe prepararse para acceder a estudos de grao ou posgrao en universidades españolas. O programa do curso inclúe sesións teóricas e prácticas nas que se traballan contidos lingüísticos a través de tarefas comunicativas, visitas a lugares emblemáticos nos que o alumnado realiza distintas actividades (entrevistas, investigacións, etc.), e obradoiros impartidos por especialistas para afondar na idiosincrasia de distintas áreas.

O curso pasado participaron neste programa case 40 estudantes

O curso pasado participaron neste programa case 40 estudantes que realizaron este mesmo curso de español, primeiro de xeito presencial e, trala declaración da pandemia, de xeito virtual. Neste caso chegaran divididos en dúas quendas: un primeiro grupo en outubro con alumnado procedente de Malaisia, India, Indonesia, Xordania e Camboxa, e unha segunda quenda que chegou en xaneiro con estudantes procedentes maioritariamente de Malaisia pero tamén de India e Indonesia.  Ambos grupos remataron o programa o pasado mes de xullo coa realización no campus de Vigo do exame final para acadar o diploma de español de nivel B1 ou preferiblemente B2.