A exposición ‘Una chula’ reúne unha trintena de obras da profesora da Facultade de Belas Artes
Chelo Matesanz conecta tradición e contemporaneidade no Museo de Arte Contemporánea de Santander
A produción desta artista e docente é tamén o eixe dunha mostra na Galería Nordés
O retrato dunha rapaza que porta un pano e un mantón de Manila, realizado a finais do século XIX polo pintor cántabro Casimiro Sainz, constitúe o punto de partida da exposición que reúne unha trintena de obras da artista e profesora da Facultade de Belas Artes Chelo Matesanz, no Museo de Arte Moderno y Contemporáneo de Santander y Cantabria. Baixo o nome de Una chula, título da obra de Sainz, a docente do Departamento de Pintura propón un diálogo entre tradición e contemporaneidade nesta exposición individual, que se verá complementada cunha publicación que profundará tanto neste proxecto expositivo como na traxectoria e proceso creativo da artista e investigadora do grupo Prace.
Na mostra que ata o 11 de outubro pode visitarse no museo cántabro, Matesanz presenta preto dunha trintena de obras de recente creación, coa excepción de Fermosura del Norte, unha peza de 2006 que actúa como referencia dentro do conxunto expositivo. “Hai obras de creación recente, feitas precisamente para este proxecto, e outras elixidas en función da narración e o tema suxerido pola obra de Casimiro Sainz”, salienta Matesanz.
Nunha mostra comisariada por Marta Mantecón, este conxunto de pezas preséntase acompañadas pola pintura deste artista orixinario de Reinosa, ao igual que a propia Matesanz. Trátase, lembra a docente e investigadora, dun “retrato de perfil dunha rapaza nova vestida con elegancia”, que suxire “infinidade de cousas”, desde serenidade ou equilibrio, ata beleza, ornamento ou identidade. “A ‘chula’ aparece como símbolo da alma popular”, salienta Matesanz, que lembra que Casimiro Sainz “sempre mostrou interese polas personaxes humildes e cotiáns” e que as súas pinturas de “mulleres lavando, anciás ou campesiñas” mantiñan sempre “o mesmo espírito realista”, que as reflectía como “figuras dignas, traballadoras e auténticas, representadas con respecto e afecto”.
Tecidos como materiais pictóricos e escultóricos
“Estas calidades son as que quixen mostrar a través das obras”, engade Matesanz respecto das pezas seleccionadas para unha mostra na que cobra tamén un especial protagonismo o uso do téxtil como material artístico. O tecido, como recolle a folla de sala, convértese nun elemento co que a artista “realiza pinturas, esculturas ou pezas de técnica mixta mesturando procedementos e recursos técnicos”. Nese senso, a docente sinala que “o meu interese está sempre na pintura ou na escultura, non no téxtil en si mesmo”, desbotando termos como “arte téxtil”, que converten “material en categoría artística”.
Nesa mesma liña, o texto de presentación de Una chula destaca como o uso destes materiais permite a artista “reinterpretar composicións vinculadas formalmente ao expresionismo abstracto ou ao informalismo, expresando a súa disidencia respecto ao canon e á solemnidade de determinados artísticos”, o que á súa vez se reforzado polos títulos “cargados de humor e ironía” das súas pezas. Nese senso, Matesanz articula “un uso liberador de todo un repertorio de materiais e obxectos existentes na súa contorna cotián, priorizando o xesto de facer sobre a construción dunha narrativa”.
Obras “cuxa orixe é difícil de explicar”
Pouco despois de presentar esta mostra en Cantabria, Matesanz inauguraba na galería Nordés da Coruña a exposición En el jardín crecen cosas que nadie ha plantado. Promovida co apoio das axudas á realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas da Universidade de Vigo, esta mostra presenta as creacións desta artista xunto ás dos doutores en Belas Artes pola UVigo Manuel Mata e Ventura Pérez e ás do titulado pola Universidade do País Vasco (EHU) Ander Sagastiberi. A exposición que pode visitarse ata o 4 de setembro constitúe a cuarta entrega do ciclo Carta Blanca, no que unha artista desta galería convida a expoñer a outros artistas.
Estes, explica Matesanz, “elixen as propostas en función da proposta que lles fago”, de tal xeito que, máis que dun labor de comisariado, esta exposición é resultado dun “traballo conxunto” a partir dunha proposta temática, articulada neste caso arredor da idea do xardín, coa que pór o foco nos “ensaios e experimentos que aparecen no estudo” dunha forma “case intuitiva” durante o proceso de creación. Nese senso, a idea do xardín fai referencia aos procesos de traballo, a creacións que, “como as herbas que brotan nun xardín sen que ninguén as plantara, son achados que a miúdo escapan á razón, cuxa orixe é difícil de explicar”, subliña.
Nesa mesma liña, o texto de presentación desta exposición, realizado por Manuel Mata, contrapón as ideas do “xardín que se intenta e o xardín que sucede”, resultado este último da “negociación entre a idea dunha persoa e a resistencia do mundo”, de tal xeito que a e os artistas que protagonizan este proxecto “puxeron o foco en dialogar coa resistencia dos seus respectivos formatos artísticos e rutas conceptuais”.
