DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase o 29 de outubro e o 5 e 12 de novembro a través de Campus Remoto

Un ciclo de coloquios virtuais porá o foco na presenza do galego na rede 

Coa participación de profesionais formados en CCSS e da Comunicación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Saúde
  • TIC
  • Cultura
DUVI Pontevedra 26/10/2020

A crise sanitaria impediu que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebrase o pasado curso o Día das Redes Galegas, unha xornada dirixida a analizar a importancia das redes sociais dentro da comunicación do século XXI e o papel que estas poden xogar á súa vez na difusión do galego. Este evento, que adoitaba celebrarse nas semanas previas ao Día das Letras Galegas, reconvértese agora no ciclo de coloquios virtuais Redes Galegas que, a través de Campus Remoto, terá lugar os días 29 de outubro e 5 e 12 de novembro. Nestas tres xornadas, diferentes profesionais relacionados coas redes sociais e a comunicación dixital afondarán en cuestións como a presenza da cultura galega en internet ou no uso das redes sociais como un xeito de achegar o idioma ás novas xeracións. 

“Tratándose dun evento sobre redes galegas, que mellor ocasión que esta para levalo totalmente á rede?”, salienta o profesor Alberto Dafonte, coordinador xunto con Andrés Fraga dun ciclo que conta co patrocinio da Área de Normalización Lingüística da Universidade e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Como explica Dafonte, as circunstancias provocadas pola crise sanitaria obrigaron a “cambiar completamente o formato” do evento, converténdoo nun ciclo de coloquios, que xuntará en cada sesión a dous profesionais relacionados con internet, as redes sociais e a cultura galega, varios e varias deles formados na propia facultade. A través de "parellas con elementos en común”, buscarase en primeiro termo “que nos conten algo dos seus proxectos e traxectorias”, para posteriormente establecer un “diálogo entre moderador, participantes e público”, nuns coloquios programados para ás 20.00 horas.

Como achegar a mocidade á cultura galega

Moderado por Andrés Fraga, este ciclo de coloquios celebrará este xoves ás 19.40 horas a súa inauguración, tras a que terá lugar un primeiro coloquio “orientado a falar dunha cultura galega contemporánea e pensada para un público novo”, explica Dafonte. Para iso, contará coas intervencións da xornalista María Yañez, “que nos falará de Vinte, unha publicación de tendencias coa óptica posta en Galicia”; e do youtuber e egresado da facultade Mario Brión, que abordará o labor que desenvolve a través da conta Olaxomario, “na que fai unha serie de vídeos sobre cuestións relacionadas coa cultura e o idioma”, así como “unha serie de entrevistas a creadoras millenials galegas”. 

A segunda xornada do ciclo, o 5 de novembro, contará coa participación doutra ex-alumna da facultade, Adriana Villamisar, directora de arte na axencia Nasas, “quen vai facer unha reflexión sobre a cultura, os tópicos e a idiosincrasia galega”. Compartirá faladoiro coa profesora Pilar Ponte, impulsora da iniciativa 21 días co galego, que na actualidade se desenvolve en varios centros de ensino da comunidade. Neste coloquio, Ponte presentará, como explica Dafonte, unha iniciativa que propón aos rapaces e rapazas castelanfalantes “asinar unha contrato polo que se comprometen a intentar falar 21 días en galego”, á vez que reflexionará “sobre como ve a situación e a transmisión” do idioma.

Unha terceira sesión, o 12 de novembro, reunirá dous profesionais do sector publicitario formados tamén no centro, David Sousa, director creativo en Mustache, e María Reimunde, responsable de márketing dixital de captación en Campus Training. “Trátase dunha xornada un pouco máis específica”, explica Dafonte deste terceiro coloquio, dirixido a achegar ao alumnado as experiencias e traxectorias destes profesionais.