DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sesión celebrouse na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

O ciclo de conferencias Conversas pechou o curso cunha intervención do adestrador Félix Fernández Cao

Nela falou sobre xestión de equipos de alto rendemento

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 11/06/2021

O ciclo de conferencias Conversas, iniciativa do programa de mentorización Meta da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, pechou este xoves pola tarde a súa programación do curso 2020/2021. Fíxoo cunha intervención do ourensán Félix Fernández Cao, que falou da súa traxectoria internacional como preparador físico e adestrador en equipos de fútbol de elite da superliga chinesa ou da Premier League, da xestión de equipos de alto rendemento e da motivación. A sesión puido seguirse de xeito presencial na facultade ou de xeito virtual, en directo a través de UVigo TV. Na súa intervención, Fernández Cao estivo acompañado por Julio Vila, socio director de Asesores Vila Castro e antigo alumno de Ciencias Empresariais e Turismo.

Na súa conferencia Félix Fernández Cao fixo un repaso pola súa traxectoria como preparador físico e adestrador en equipos de fútbol de elite tras estudar INEF en Pontevedra, un ciclo superior de adestrador de fútbol e completar a súa formación con varios mestrados relacionados co seu ámbito. Paralelamente, formou parte dun grupo de investigación universitario. En 2015 chegou ao fútbol chinés como adestrador físico e adestrador axudante do Wuhan Zall FC e posteriormente deu o salto á superliga chinesa con Hebei Fortune iniciando así a súa relación profesional co adestrador chileno Manuel Pellegrini, formando parte desde entón do seu equipo técnico como preparador físico, o que o levou á Premier League co West Ham United, e na tempada actual ao Real Betis Balompié.

A sesión formou parte do proxecto de mentorización Meta. Mentores de Empresariais e Turismo de Ourense, que conta co apoio de Ecobas e que está coordinado polo profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense Ernesto López-Valeiras e composto por un grupo de mentores, directivos da contorna empresarial implicados no programa a título persoal. Alén do traballo de mentorización individual, este curso académico Meta puxo en marcha este ciclo de conferencias na que baixo o título Conversas persoas do ámbito académico comparten escenario con profesionais, directivos, empresarios, emprendedores e outros axentes sociais, abordando con carácter divulgativo temas de interese xeral relacionados co mundo da empresa e a súa relación coa sociedade e o medio ambiente. A intervención de Félix Fernández Cao este xoves pechou esta programación de conferencias ata o vindeiro curso académico.