Vigo é o epicentro da G-Night en Galicia, que comprende 200 actividades nas sete principais cidades
A ciencia toma as rúas para espertar vocacións e reforzar o seu vínculo coa cidadanía
Redeiras e a praza do Berbés acolleron unha feira divulgativa con unha trintena de obradoiros
Un setembro máis, e van cinco, a G-Night volveu levar ás rúas e prazas de Galicia a ciencia e a creatividade para celebrar e encher de luz a Noite das Persoas Investigadoras. Esta iniciativa, que se desenvolve de xeito simultáneo en todo o planeta, busca sacar a investigación dos laboratorios e achegala á cidadanía, para que tanto a cativada como as persoas adultas poidan coñecer, dun xeito lúdico, entretido e sobre todo interactivo, o impacto real que a actividade científica e tecnolóxica ten na sociedade.
En Galicia a programación implicou a máis dunha ducia de institucións baixo a coordinación da Universidade de Vigo e comprendeu arredor de 200 propostas espalladas por rúas, museos, organismos de I+D e bares das sete principais cidades de Galicia durante a tarde e a noite deste venres. Ademais da UVigo, na G-Night en Galicia están implicadas as universidades de Santiago e Coruña, varios institutos do CSIC (Iegps, IEO, MBG, IIM e Incipit), centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros centros de investigación galegos de como o Inibic, IDIS, CITMAga, Cesga e Ecobas. G-Night desenvólvese como un evento asociado a un proxecto europeo, empregando os recursos propios das entidades implicadas e co apoio da Xunta de Galicia a través de Gain, Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Unha feira científica para todos os públicos
Onde máis se evidenciou o vínculo entre ciencia e cidadanía foi no Berbés, en Vigo, xa que a súa praza e o edificio Redeiras foron o epicentro da G-Night coa celebración da tradicional feira científica, nesta ocasión cunha trintena de obradoiros e talleres para todas as idades. O fío condutor da xornada foi a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, baixo o lema Conciencias creativas.
A partir das 5 da tarde foron moitas as familias que se achegaron a esta zona da cidade para coñecer, dun xeito interactivo, lúdico e próximo, diferentes liñas de traballo que desenvolven os grupos de investigación da UVigo. O reitor, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, a secretaria xeral, María José Bravo Bosch e a xerenta, Yolanda Lesmes, acudiron tamén a esta cita, na que o persoal investigador da institución foi o encargado de guiar os talleres, as charlas e os experimentos pensados para público de todas as idades. Entre outras temáticas, as e os visitantes puideron coñecer a evolución molecular dos virus, o comportamento dos materiais, diferentes aspectos relacionados co cambio climático ou coa investigación aeroespacial, etc. Tamén houbo talleres sobre subprodutos agroalimentarios a base de insectos, cosmética natural, a robótica, os ecosistemas das praias e dos ríos, as múltiples aplicacións da intelixencia artificial, os microplásticos ou os novos materiais.
Tamén no Berbés se celebrou un taller artístico que buscaba hibridar a teoría científica e a práctica de tecido artesanal, crochet e técnicas de anudado para facer medrar unha raíz colectiva no interior do edificio Redeiras.
Pero a ciencia espallouse tamén por outros puntos da cidade olívica, con propostas como a xa clásica Ciencia no Bar, que se desenvolveu no café De Catro a Catro con tres charlas sobre a funga de Madagascar, o uso da realidade virtual inmersiva e os videoxogos na promoción da saúde e as lesións musculoesqueléticas en músicos. Esta actividade foi presentada pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama.
O programa da G-Night 2025 en Vigo completouse coa segunda edición de Ciencia na Biblio, cunha charla sobre a aprendizaxe de linguas na Biblioteca Xosé Neira Vilas e cunha serie de obradoiros científicos no local de Emaús organizados polo IEO-CSIC. Ademais, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) celebrou unha xornada de portas abertas dirixida ao persoal dos comercios de Vigo que participaron na iniciativa Escaparates Oceánicos.
Todas estas actividades na cidade olívica contaron co apoio do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia e co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo.
Historia e xustiza social en Ourense e as pegadas de Castelao en Pontevedra
No campus de Ourense a G-Night 2025 contou con dúas actividades. A primeira foi a celebración na Facultade de Historia de tres obradoiros sobre linguas da Antigüidade. As persoas inscritas puxéronse na pel de escribas exipcios, micénicos e romanos e realizaron escritura sobre papiro e ofrendas aos deuses sobre pequenas táboas de arxila. A segunda actividade foi Ciencia no bar: un museo virtual para reflexionar sobre a xustiza social e tivo lugar no Café & Pop Torgal. A través de imaxes conectadas con conceptos, o público traballou co persoal investigador a comprensión crítica e o diálogo arredor de valores como a igualdade, a diversidade e a loita contra a discriminación.
O campus de Pontevedra tamén se sumou a esta edición da G-Night e fíxoo coa figura de Castelao como protagonista da tarde deste venres. Unha camiñada promovida coa colaboración do Concello, levou a máis dunha vintena de persoas a percorrer diferentes lugares da cidade que tiveron algunha significación na vida e na obra de Castelao. O roteiro completouse no Museo de Pontevedra cun relatorio sobre a obra gráfica de Castelao e a representación da explotación animal na súa obra. A programación da G-Night na cidade completouse co ‘escape room’ organizado pola Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), unha actividade que combinou coñecemento científico e xogo colaborativo e que permitiu afondar nos efectos do cambio climático a través dunha serie de enigmas.
