DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos tests serolóxicos subministrados pola Xunta, que deben ser confirmados con probas PRC

Ciencias da Educación e do Deporte e un curso de Publicidade e RRPP pasan temporalmente á docencia virtual trala detección de positivos

A situación será avaliada de novo nos próximos días

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 25/10/2020

Todas as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ambas no campus de Pontevedra, pasarán temporalmente a impartir a súa docencia de xeito virtual tras a detección de positivos nos test rápidos realizados ao alumnado. Esta decisión, recollida nunha resolución reitoral, parte da proposta realizada polo Comité de asesoramento sobre a covid-19 nomeada polo Consello de Goberno tras confirmarse a existencia de positivos, que teñen que ser reconfirmados a través de probas PCR, nos resultados das primeiras probas rápidas subministradas pola Consellería de Sanidade, que nestes días se están a realizar ao alumnado dos tres campus.

Segundo recolle o comunicado emitido pola Reitoría nas últimas horas, adoptouse esta decisión “baseándose un principio de prudencia” e por un “tempo limitado”, naqueles casos nos que se rexistrou “unha acumulación de casos non confirmados”. A resolución reitoral establece o paso a docencia en liña ata o martes 27, incluído este día, de todas as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, un centro que conta con preto de 1500 alumnos e que neste curso está a desenvolver un modelo de docencia mixta, polo que as clases teóricas impártense de xeito virtual mentres que nas prácticas combínase a docencia virtual coa presencialidade rotatoria. No caso do cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas, titulación que se imparte cunha modalidade parcialmente presencial, a resolución reitoral acorda o pase á docencia en liña ata o venres 30 de outubro.

A situación avaliarase de novo cos resultados das PCR

Segundo precisa o comunicado da Reitoría, esta “decisión preventiva” non implica o peche dos centros e avaliarase de novo nos próximos días, “unha vez que dispoñamos dos resultados das PCR que se van realizar a todos os posibles positivos”. Deste xeito, “entra dentro do posible” a volta á situación docente anterior, así como a ampliación do período de docencia virtual.

Trátase, como sinala o comunicado da Reitoría, da “primeira decisión de cambio” nas modalidades docentes establecidas para o presente curso, aínda que, “desgraciadamente, a evolución da pandemia parece indicar que non será a única neste curso”. Nese senso, a Reitoría subliña que “a comunidade universitaria preparouse adecuadamente” para este cambio, polo que “estamos seguros que os decanatos e direccións dos centros afectados tomarán as medias que teñen planificadas para que a actividade docente siga adiante coa menor incidencia posible”, continuando coa docencia a través de Campus Remoto.

Continúan os tests rápidos

Nos próximos días continuarán realizándose nos tres campus as probas rápidas, para as que a Consellería de Sanidade enviou á Universidade preto de 15.000 tests. Unha vez rematado un operativo que, como sinala o comunicado “vén a complementar a estratexia definida desde o goberno da Universidade, baseada na realización de tests aleatorios PCR mediante saliva”, a institución académica continuará coa realización de probas a través deste sistema de pooling PRC en saliva de xeito semanal, "intentando actuar naqueles sitios que se consideren máis axeitados”.