DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade acolleu unha recepción ao seu primeiro equipo polo ascenso á máxima categoría 

Ciencias da Educación e do Deporte pon en valor o éxito do Cisne

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/06/2022

A finais de maio, o Cisne certificaba cunha vitoria sobre o Barcelona B o seu ascenso á Liga Asobal, a máxima categoría do balonmán español, á que o club pontevedrés retornará a vindeira tempada despois de lograr en 2020 o primeiro ascenso á máxima división da súa historia. Co obxectivo de recoñecer este logro deportivo, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte promoveu na tarde deste mércores unha recepción ao primeiro equipo do Club Cisne Balonmano, que estivo acompañado polos integrantes do seu corpo técnico, así como polo seu presidente, Santiago Picallo, e integrantes da súa xunta directiva.

“Creo que cando un club de Pontevedra ten un éxito deportivo como este, é máis un club de base que ten que enfrontar unha serie de limitacións importantes, é bo que a Universidade, e neste caso a facultade, o recoñeza”, salienta o decano, Óscar García, dos motivos dun acto que tivo como principal obxectivo “felicitalos por este logro”. Coa participación do vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto. do director en funcións da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, Alfonso Mandado, e dos integrantes equipo decanal, o acto abriuse cunha pequena visita ás instalacións da facultade, para logo efectuar, no salón de graos, un recoñecemento público ao club pontevedrés, que foi agasallado cunha placa. 

Ademais de para pór en valor este éxito deportivo, esta recepción serviu tamén para dar a coñecer o traballo que se leva a cabo na facultade aos técnicos, xogadores e directivos dun club “que conta con egresados nosos traballando con eles” e co que poderían xurdiu “múltiples colaboracións”, salientou García. “Eles teñen interese en facer máis científicos os seus métodos de adestramento e readaptación e nós temos profesores que xeran coñecemento en torno ao balonmán”, engadiu o decano, que incidiu no interese da facultade de establecer co Cisne “sinerxías a longo prazo, xa que a Universidade ten que estar sempre a carón da sociedade”.