DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á vista dos resultados das PRC realizadas ao alumnado que deu positivo nos tests rápidos

Ciencias da Educación e do Deporte recupera este mércores a docencia mixta

Tras dúas xornadas nas que toda a docencia foi virtual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 27/10/2020

As diferentes titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte retornan este mércores á modalidade de docencia mixta, despois de que a detección de positivos nos test rápidos realizados ao alumnado motivasen o pase a docencia virtual nas xornadas de luns e martes. Seguindo a proposta do presidente do Comité de asesoramento sobre a covid-19 da Universidade, unha resolución reitoral publicada nesta xornada acorda que todas as titulacións desta facultade recuperen desde o mércores "a modalidade de docencia aprobada ao inicio do curso", á vista dos resultados das probas PRC realizadas ao alumnado que dera positivo nos tests rápidos. Trátase, neste caso, dunha modalidade mixta, pola que as clases teóricas impártense de xeito virtual mentres que nas prácticas combínase a docencia virtual coa presencialidade rotatoria.

A detección de positivos nos test rápidos, subministrados pola Consellería de Sanidade, que nestes días se realizaron a alumnado dos tres campus motivou, a pasada fin de semana, unha resolución reitoral que, partindo da proposta realizada polo Comité de asesoramento sobre a covid-19, acordaba o paso de todas as titulacións de Ciencias da Educación e do Deporte á modalidade virtual ata este martes. Esta resolución acordaba tamén o pase a docencia virtual do cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ata este venres 30, incluíndo este día.

Unha mensaxe de tranquilidade

“Dentro do que é unha pandemia e dentro do que é unha colectividade como a do campus de Pontevedra, estamos tranquilos”, salientou ao respecto o vicerreitor do campus, Jorge Soto. O vicerreitor lembrou así mesmo que, no caso da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “a maioría das aulas son virtuais” e sinalou que, neste curso marcado pola covid-19, "estase abordando con normalidade tanto a presencialidade como a virtualidade". Do mesmo xeito, Soto quixo tamén “pór en valor o comportamento e responsabilidade encomiable" da comunidade universitaria e, nomeadamente do alumnado, nesta situación de crise sanitaria.

Actualmente, existen oito casos confirmados de covid-19 no campus, catro deles correspondentes á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, tres na Facultade de Ciencais Sociais e da Comunicación e un na Facultade de Fisioterapia.