DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da facultade estivo durante unha semana na institución académica alemán

Ciencias Empresariais e Turismo continúa estreitando relacións coa Universidade de Bremerhaven

Participaron nun seminario conxunto sobre xestión da diversidade cultural na UE

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 27/06/2022

No marco das relacións internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, a Hochschule Bremerhaven ocupa un lugar destacado. Con esta universidade alemá, o centro ten varios acordos de cooperación segundo os cales o alumnado do Grao en ADE da facultade ourensá pode obter ademais da súa titulación pola UVigo a de Bachelor of Arts in Business Administration e o do Grao en Turismo a de Bachelor of Arts in Cruise Tourism Management pola Hochschule Bremerhaven. Ademais, cada curso académico realizan unha serie de actividades conxuntas que este ano retomaron a presencialidade despois do parón provocado pola pandemia.

No marco desta relación, unha ducia de alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo vén de realizar unha estadía dunha semana en Bremerhaven. Alí participaron con alumnado alemán nun seminario conxunto intercultural titulado Managing cultural diversity in Europe que estivo centrado en temas de interculturalidade aplicados ao sector empresarial e turístico. “Esta viaxe é de grande interese académico para o alumnado, xa que lle permite complementar a súa formación tanto no ámbito dos coñecementos como das competencias das súas titulacións”, explica Elena de Prada, vicedecana de Relacións Internacionais da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Cada curso académico, lembra, este seminario celébrase nas dúas universidades para fomentar as súas relacións internacionais.

Os obxectivos da actividade, indica a responsable académica, foron enriquecer a formación integral do alumnado desde o punto de vista da súa percepción do mercado internacional e facelos conscientes das diferenzas culturais existentes dentro dos países europeos e os problemas que o seu descoñecemento pode xerar, tanto no ámbito dos negocios como nos aspectos sociais e comunicativos. O seminario, indica Elena de Prada, permite ás e aos participantes observar as diferentes formas de traballar dos estudantes e analizar como se xestiona e organiza o turismo e o mundo empresarial nos diferentes países implicados. A iniciativa dá continuidade á vistia que o pasado mes de abril realizou unha delegación de alumnado e profesorado da universidade alemá para participar na International Week da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá.