DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística

Ciencias Sociais e da Comunicación afonda na situación do galego no audiovisual

A actividade centrouse na presenza do idioma na nova lei da industria

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 04/11/2021

Entre os preto de 26.000 títulos que integran os catálogos das diferentes plataformas de vídeo baixo demanda presentes en España, só poden atoparse 26 producións en galego. Este foi un dos datos que puxo sobre a mesa o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, no coloquio que esta asociación promoveu este xoves na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, centrado na nova Lei Xeral do Audiovisual que nos próximos días se someterá a debate no Congreso. O propósito desta actividade era pór de relevo a necesidade de que nesta lei “estea regulada con criterios normativos a presenza do galego”, nas cotas que establece en materia de subtitulado, dobraxe, audiodescricións e financiamento anticipado de producións.

A decana de CCSS e da Comunicación, Emma Torres, foi a encargada de abrir esta mesa de debate sobre “un tema que nos preocupa fondamente, como é a situación do galego no audiovisual”, na que puxo de relevo a necesidade de que o alumnado, “como futuros profesionais” do sector, se implique nesa responsabilidade de divulgar a nosa propia cultura”. Xunto a Maceira, este coloquio contou coa participación da actriz María Costas, da que Torres lembrou a súa colaboración coa curtametraxe O que queda de nós, realizada por un grupo de estudantes da facultade e que “estando tendo un notabilísimo éxito”, con diferentes premios e a súa selección en festivais internacionais.

A importancia do audiovisual para “a existencia do idioma”

Como explicou Maceira, a lei que centrou boa parte do coloquio “é unha transposición dunha directiva comunitaria, que se fixo para garantir a presenza das culturais europeas no audiovisual e que este non sexa a uniformidade de Hollywood”. Por iso, a Mesa reclama que nas cotas que establece, por exemplo, na obriga ás plataformas e canles xeralistas de investir o 5% dos seus ingresos en producións audiovisuais, estea regulada a presenza do galego. Neste punto, explicou que o texto establece porcentaxes para producións en castelán ou outros idiomas do Estado, “pero tal e como está redactada poderían ser todas en español”. Por ese motivo, avoga por cambiar ese “ou” por un “e”, fixando porcentaxes específicas para o galego. 

O presidente da Mesa afondou así mesmo no punto de partida desta iniciativa, a campaña Iniciativa Xabarín 2.0, que impulsaron hai máis dun ano co propósito de “garantir unha presenza digna da programación infantil e xuvenil” na canle autonómica, “porque entendíamos que diante dunha situación moi difícil no ensino, a televisión e o audiovisual teñen que xogar un papel moi importante na existencia da lingua galega”. Esta iniciativa trasladouse ao Parlamento de Galicia, onde se acadou un acordo por unanimidade que incluíu tamén un punto referido a esta nova Lei Xeral do Audiovisual, “que era que incluíse que as cotas que establece para o español fosen equitativas tamén para o galego”. O acordo parlamentario, sinalou Maceira, tamén facía referencia ao “papel doutros medios públicos”, nomeadamente TVE, que, criticou, “só emite 39 minutos diarios en galego coas 120 horas de emisión” ao día que suman as súas diferentes canles.