DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Área de Dereito Mercantil e dirixidas polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas

Ciencias Xurídicas e do Traballo programa cinco conferencias virtuais sobre Dereito Concursal

A análise da nova regulación da Lei Concursal é a principal novidade desta oitava edición

Tags
  • Estudantes
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI 24/11/2020

Xuíces, letrados da administración da xustiza, profesores universitarios e administradores concursais participarán entre maña mércores e o vindeiro 9 de decembro no VIII Ciclo de conferencias de Dereito Concursal, unha actividade dirixida polos catedráticos Anxo Tato e Julio Costas e coordinada por Pablo Fernández Carballo-Calero e Miguel Ángel Bouza, profesores da Área de Dereito Mercantil da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. 

A oitava edición deste ciclo confirma a súa consolidación como punto de encontro entre profesionais de recoñecido prestixio e estudantado das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e Ciencias Económicas e Empresariais, así como persoas interesadas en xeral. Co obxectivo de achegar cuestións prácticas do Dereito Concursal, este ano as xornadas ofrecerán a posibilidade de reflexionar sobre a recente modificación da Lei Concursal. Neste senso, apunta Fernández Carballo-Calero que as persoas matriculadas terán a oportunidade de “analizar as novidades do Real Decreto Lexislativo 1/2020, publicado o 7 de maio de 2020 no BOE, polo que se aprobou o TRLC que derrogaba a lei anterior”. Deste xeito, o alumnado poderá examinar o TRLC, que entrou en vigor o 1 de setembro deste mesmo ano. 

As sesións prolongaranse ata o 9 de decembro

A actividade, que se estenderá durante dúas semanas, ofrecerá cinco relatorios. A primeira sesión será mañá mércores e correrá a cargo de Rafael García Pérez, profesor de Dereito Mercantil da Universidade da Coruña, despois dunha inauguración na que participarán os directores do ciclo e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa. 

As seguintes xornadas acollerán as intervencións de Guillermo Velasco, profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Bolonia e decano da Facultade de Dereito do CUNEF; Carlos Borrajo, senior manager de EY Abogados Galicia; Ángel Pascual, presidente da Asociación Galega de Administradores Concursais; e José Tronchoni, secretario coordinador provincial de Pontevedra. Fernández Carballo-Calero subliña a variedade de perspectivas dos relatores, algo que, baixo o seu punto de vista, non podería ser doutro xeito xa que “o Dereito Concursal involucra profesionais de diferentes sectores, polo que é imprescindible que todos eles transmitan os seus enfoques e o seu modo de traballar”. 

Aínda que o programa estaba nun principio ideado para ter lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, finalmente, dadas as actuais circunstancias sanitarias, o ciclo vaise levar a cabo de xeito virtual, unha nova modalidade que a organización confía en que non afecte á boa acollida do programa, que cada ano conta con arredor de corenta persoas matriculadas. A pesar da virtualidade, o evento non vai perder a súa esencia práctica. Nesta cuestión fai fincapé Fernández Carballo-Calero á hora de explicar os motivos do éxito, entre os que resalta “un formato que permite sesións interactivas cos poñentes”. 

Colaboran nestes relatorios, patrocinados polo Consello Social e o Departamento de Dereito Privado da Universidade de Vigo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia. A inscrición no ciclo, totalmente gratuíta, remata hoxe e pode realizarse a través do enderezo electrónico: pcarballocalero@uvigo.es