DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun método matemático froito da investigación que Pablo Carpintero leva a cabo para a súa tese

Científicos da UVigo achan gaitas que permaneceron en uso dende a Idade Media en Galicia e Portugal

O músico e artesán dará a coñecer este venres os seus traballos no Museo de Pontevedra

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Música
  • Investigación
DUVI Pontevedra 20/04/2022

Preto de tres décadas leva o investigador, músico e artesán Pablo Carpintero percorrendo o noroeste peninsular na procura de gaitas de fol antigas. Ao longo destes 30 anos, puido documentar máis de 380 instrumentos que, en moitos dos casos, semellaban moi antigos, aínda que carecía de información que lle permitise verificar a súa antigüidade, máis aló do que lle trasladaban os seus propietarios que en ningún dos casos, explica, databan a orixe dos seus instrumentos “máis atrás de principios do século XIX”. Partindo do feito de que o roce dos dedos ao tocar provoca un desgaste na madeira, que será proporcional ao tempo de uso, Carpintero comezou a traballar nun xeito de avaliar a antigüidade dunha gaita medindo os desgastes nos punteiros. O resultado deste proceso, que se insire na tese de doutoramento que leva a cabo baixo a dirección dos profesores Susana Reboreda e Iván Area, é un método matemático que lle permitiu coñecer a existencia en Galicia e Portugal de gaitas que permanecían en uso desde a Idade Media. Algún destes instrumentos centenarios soarán de novo este venres 22, na actividade que Carpintero protagonizará no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e na que presentará algúns dos achados da súa investigación. 

Doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade Carpintero desenvolve a súa investigación no Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural da UVigo, baixo a dirección do profesor do Departamento de Matemática Aplicada II Iván Area e da profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Susana Reboreda. Nunha actividade programada para ás 19.00 horas, Carpintero explicará “brevemente como fixemos para desenvolver este modelo”, inserido nos traballos da que será a súa segunda tese, que prevé defender a comezos de 2023, á vez que abordará as datacións realizadas co método do carbono 14 a diferentes gaitas e que permitiron confirmar a súa eficacia. Mais nunha actividade que “será máis didáctica e musical que científica”, esta explicación verase continuada pola interpretación dunha serie de pezas xunto con Rosa Sánchez, para as que empregará diferentes gaitas antigas, “centrándonos sobre todo nas que se conservan no Museo de Pontevedra”, explica. 

A gaita máis antiga do mundo 

Este método matemático é o resultado, recoñece, de “seis anos de experimentos científicos”, nos que mediu os desgastes de 144 punteiros antigos. Co propósito de corroborar a súa precisión, Carpintero, Area e Reboreda realizaron as probas do carbono 14 a varios dos punteiros que o modelo daba por máis antigos, “comprobando así a exactitude” das súas predicións. Nese senso, as diferentes datacións realizadas en Galicia e Portugal, onde contaron coa colaboración da Associaçao da Gaita de Foles, permitiron aos investigadores constatar a existencia de gaitas medievais ou que permaneceron en uso “dende os séculos XV, XVI, XVII e XVIII” ata comezos ou mediados do XX, “herdándose de gaiteiro e gaiteiro durante xeracións”. 

Das diferentes datacións realizadas, recoñece Carpintero, “a máis sorprendente foi a do punteiro da gaita que pertencera a Xan Tilve, gaiteiro de Campañó (Pontevedra), para a que o modelo calculaba unha idade mínima de 490 anos, mentres que as probas do carbono 14 asignan á madeira” do seu punteiro unha antigüidade “de entre 550 e 600 anos, converténdose así na gaita máis antiga do mundo ata a data”. Grazas á colaboración da neta do gaiteiro, Marilé Salgueiro Tilve, este instrumento do século XV será un dos que Carpintero fará soar este venres no Museo. 

Tamén cedida para esta actuación, o investigador e artesán tocará ademais cun instrumento que pertenceu ao gaiteiro de Mogor (Marín) José María García, “á que o modelo matemático dálle 300 anos de uso e a datación do radiocarbono entre 240 e 310”. Por outra banda, Carpintero empregará tamén unha réplica realizada por el dunha gaita que pertenceu ao gaiteiro de Poio Manuel Villanueva e que se conserva no Museo, “datada polo carbono 14 nuns 200 anos de antigüidade”. Por último, empregará tamén unha segunda réplica, esta vez dunha gaita portuguesa que se conserva no Museo de Etnoloxía de Lisboa e que, sinala, “seguramente é a máis antiga do noroeste”. Neste caso, explica, o modelo asígnalle “máis de 500 anos de uso”, aínda que non foi posible datar a súa madeira co carbono 14.

Un método de datación sen apenas custo

As vantaxes deste modelo matemático, explica Carpintero, “son a súa simplicidade, o baixo ou case nulo custo económico para a datación”, fronte ás probas do carbono 14, e o feito de que permite evitar a toma de mostras dos punteiros, “co risco que entraña para instrumentos antigos”. Trátase así mesmo dun método que pode ser trasladado “a outros instrumentos de vento sen ou con poucas chaves”, como frautas traveseiras ou clarinetes.