DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro reuniu operadores de barcos de investigación mariña de toda Europa

O CIM amosa no 26º encontro de ERVO o seu buque oceanográfico de propulsión híbrida enchufable

A embarcación está sendo acondicionada para realizar tarefas científicas en mares e augas costeiras

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/06/2024

Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) amosou esta semana na 26 edición do encontro ERVO o novo buque oceanográfico de propulsión híbrida enchufable que o centro está a piques de estrear. A embarcación, que fora presentada en sociedade no pasado mes de decembro, está actualmente sendo equipada para labores científicos antes de que poida comezar a operar nos vindeiros meses. 

Un encontro para mellorar a eficiencia das operacións dos buques de investigación

Esta xuntanza de ERVO, organizada pola UTM-CSIC, reuniu no Museo do Mar de Galicia os operadores de barcos de investigación mariña de toda Europa co obxectivo de fomentar a cooperación e o intercambio de información entre os seus membros para mellorar a eficiencia e eficacia das operacións dos buques de investigación. Durante as xornadas, representantes da industria, as administracións públicas, portos e centros de investigación déronse cita para compartir experiencias, discutir desafíos comúns e explorar novas oportunidades de colaboración. Neste contexto Daniel Rey participou nunha mesa redonda na que presentou a primeira embarcación profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable. O buque, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, foi construído no estaleiro de estaleiro moañés Rodman Polyships e como explicou o responsable do CIM,  ten 19,5 metros de eslora e 5,4 metros de manga e está equipado con paneis solares, turbinas eólicas e un motor diésel de 815 HP, “demostrando o liderado de Vigo e do CIM na adopción de tecnoloxías sostibles e innovadoras na construción naval”.

Durante a súa intervención, Daniel Rey destacou o papel crucial dos buques híbridos enchufables na investigación oceanográfica costeira, xa que reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación acústica, beneficiando a contorna mariña e permitindo investigacións máis precisas e menos intrusivas. Ademais, tamén fixo fincapé en que a súa eficiencia operacional e xestión da enerxía fan que estes sistemas sexan ideais para investigacións costeiras e multidisciplinarias, aliñándose cos obxectivos de sostibilidade da ONU para a Década da Ciencia Oceánica.

A embarcación está actualmente no estaleiro de Rodman Polyships para serlle instalado o equipamento científico. Unha vez rematado este proceso poderá comezar a operar en labores de investigación pluridisciplinar tales como a análise das características físicas, químicas ou biolóxicas da auga de mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidade para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como as boias oceanográficas, para o lanzamento de mostreadores e perfiladores e para o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.

Características técnicas do buque

Aínda que se trata dunha embarcación con propulsión híbrida enchufable, conta de maneira complementaria cun sistema de xeración de enerxía baseado en paneis solares con celas policristalinas conectadas a un cargador e dous aeroxeradores vinculados aos seus sistemas de control. É, polo tanto, un barco respectuoso co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente e ten capacidade para unha tripulación de ata 12 persoas. Na cuberta contará con elementos como un guindastre nun dos costados, un pórtico en popa e un cabrestante para o manexo e despregamento de equipos pesados como rosetas, testificadores, redes, ROVs, etc. O casco e a cuberta son de poliéster reforzado con fibra de vidro e, por debaixo, hai un laboratorio, tanques, a sala de máquinas e unha zona de habilitación composta por un camarote con dúas liteiras, un aseo completo, un comedor con cociña e espazo de almacenaxe. 

Vigo, centro clave para a construción de buques oceanográficos

O encontro ERVO, que incluíu unha visita ao estaleiro Armón, no que se está a construír o novo oceanográfico Odón de Buen, reafirmou o papel de Vigo non só como un centro clave para a construción de buques oceanográficos, senón tamén como un líder na integración de capacidades industriais e científicas, impulsando a investigación mariña e a innovación tecnolóxica no sector marítimo.