DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coordinará, xunto á Universidade de Aveiro, este grupo estratéxico que arrancará en 2025

O CIM-UVigo liderará un novo grupo de traballo internacional de investigación mariña impulsado pola rede CRUSOE

Co foco posto coa sustentabilidade oceánica, innovación e cooperación científica

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 23/06/2025

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo será un dos piares do novo grupo de traballo no ámbito mariño e marítimo promovido pola Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (Crusoe). Esta iniciativa, aprobada en maio de 2024 e ratificada polo Comité Executivo de Crusoe en novembro, arranca formalmente en 2025 co obxectivo de impulsar a investigación interdisciplinar e a sustentabilidade nos ecosistemas mariños.

A coordinación do grupo estará en mans da Universidade de Vigo, representada pola catedrática Ana M. Bernabeu e o director do CIM, Daniel Rey, e da Universidade de Aveiro, representada polo investigador Ricardo Calado. O grupo traballará en seis liñas de acción principais: investigación interdisciplinar; transferencia de coñecemento e tecnoloxía; mitigación e adaptación ao cambio climático; formación especializada; cooperación internacional e alfabetización oceánica.
“O océano é un recurso esencial para a vida no planeta e o desenvolvemento sostible das nosas comunidades. Con este grupo queremos dar un paso máis na cooperación científica e na procura de solucións reais aos grandes retos que enfrontan os nosos mares”, sinala Daniel Rey, director do CIM.

Unha axenda ambiciosa

O grupo encádrase dentro da área temática Bioeconomía e Biotecnoloxía para un Crecemento Azul e expón unha axenda ambiciosa ao redor de prioridades como o impacto do cambio climático no océano, a restauración da biodiversidade mariña, a innovación en acuicultura e pesca sostible, a loita contra a contaminación, o desenvolvemento de enerxías renovables mariñas e a dixitalización de datos oceánicos, entre outros desafíos chave.

O traballo organizarase a través de subgrupos temáticos e unha metodoloxía común que facilite a creación de proxectos colaborativos, o acceso a financiamento europeo e a formación de mozos investigadores, fomentando ademais a publicación científica conxunta e a participación activa de actores públicos, privados e sociais.
Esta nova estrutura de colaboración internacional reforza o papel do CIM e da Universidade de Vigo como referentes en ciencia mariña a nivel europeo, promovendo un modelo de desenvolvemento baseado no coñecemento, a innovación e o compromiso cos ecosistemas mariños e as comunidades costeiras.