DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun workshop que se desenvolve hoxe mércores e mañá xoves no campus

O Cinbio axuda aos seus investigadores novos a mellorar as súas capacidades de redacción científica

Da man de Gavin Lucas, director de The PaperMill e editor, consultor e formador de autores académico

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/06/2022

Un dos retos aos que se enfronta o persoal investigador no desenvolvemento da súa carreira profesional é ser quen de divulgar os seus avances e facelo dun xeito comprensible e con impacto. Para axudar nesta tarefa, o Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, desenvolve esta semana un obradoiro sobre redacción científica destinado ao seus investigadores noveis, en concreto, os que se atopan no segundo ano de doutoramento en adiante. 

En total son 16 as persoas que participan neste seminario que imparte o director de The PaperMill, Gavin Lucas, que conta con máis de dez anos de experiencia como investigador biomédico e case 15 máis traballando como editor, consultor e formador de autores académicos. O obxectivo deste taller, que se desenvolve de xeito presencial na sala audiovisual do Cinbio, é axudar o persoal investigador a desenvolver unha visión máis imparcial e analítica da redacción científica e a comprender mellor aos seus lectores como o centro da súa comunicación científica. Deste xeito, ao longo das dúas xornadas adquiren os coñecementos e técnicas precisas para que poidan converterse en escritores e editores científicos máis eficientes. A finalidade o workshop é que a súa escritura deixe de guiarse por unha fórmula estándar na que a pregunta como é o eixo central á hora de escribir o artigo, para inspirarse na pregunta por que.

Un enfoque global do proceso de escritura científica

Ao longo das mañás de hoxe e de mañá xoves, as e os participantes traballan para desenvolver unha comprensión máis profunda da estrutura dos artigos científicos, cun enfoque renovado no propósito de cada sección e as conexións entre elas. Trátase de que as e os investigadores obteñan un marco global para conceptualizar todo o proceso de publicación, aprendan a crear unha expectativa no lector e poidan cumprir con esa expectativa. Tamén adquiren competencias para dar o salto cualitativo dun relato científico pasivo a un argumento científico activo ao tempo que exploran algúns problemas comúns da construción da linguaxe que fan que a escritura dos científicos sexa pouco clara. 

O obradoiro comprende seis bloques temáticos. Por unha banda, comezaron trallando as cinco etapas de publicación e aprendendo a definir o público obxectivo do seus textos. Tamén abordan a folla da ruta, a estrutura, a conectividade e o proceso para pasar dun informe científico a un argumento científico. Ademais, tamén se achegarán algunhas claves para a redacción científica en inglés.

Un obradoiros eminentemente práctico

O taller desenvólvese baseado na interactividade, con traballo en parellas, exercicios e discusións en grupo, poñendo especial énfase en compartir e aprender da propia experiencia e coñecementos dos participantes. De feito, para aumentar a efectividade destas sesións, o seu condutor, Gavin Lucas, aposta por traballar con casos da vida real dos participantes sempre que é posible. 

Lucas conta cunha ampla traxectoria como científico editorial en proxectos de investigación nacionais, europeos e internacionais, un traballo que conxuga coa súa faceta de editor e consultor de autores académicos, axudando a planificar, criticar e pulir máis de 500 artigos científicos orixinais para ducias de institucións en diversos campos, así como ducias de propostas para proxectos H2020 e Horizon Europe.